Máis dunha trintena de persoas viven soas nos núcleos rurais da zona

David Cofán Mazás
David cofán A Estrada, LALÍN / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Na zona hai 42 aldeas baleiras, unha menos que o ano pasado. A metade en Silleda e A Estrada

24 ene 2023 . Actualizado ás 14:23 h.

As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes caracterízanse por unha atomización dos núcleos de poboación que se traduce nunha infinidade de parroquias e aldeas espalladas por un vasto territorio. O envellecemento e o éxodo cara ás cidades en busca de novas oportunidades está a provocar que moitos destes núcleos queden baleiros a mercé da maleza e outros cun ou dous residentes. O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta semana o Nomenclátor, unha ferramenta que permite coñecer as cifras de poboación por unidade territorial, é dicir, aldea a aldea, a 1 de xaneiro do 2022.

Neste novo reconto maniféstase un descenso do número de núcleos cunha ou ningunha persoa, aínda que seguen sendo altos, con 42 deles baleiros. Na Estrada, que conta con 51 parroquias, contabilizáronse as mesmas aldeas baleiras que no 2020: O Souto (Agar), O Preguecido (Aguións), A Calzada (Arnois), O Coto (Codeseda), Ouzamerxe (Orazo), O Pinal (Oca), Xestás (Liripio), A Cruxeira (Santeles), Os Muros (Parada) e Vilanova (Remesar).

O seguinte concello con máis núcleos despoboados é o de Silleda, que sumou nove: Reboreda (Abades), A Braña (Cira), Segade (Cortegada), Marín (Fiestras), Freixeiro (Parada), Crestelle (Manduas), Outeiro (Siador), Cartimil (Siador), Reigosa (Xestoso). No caso trasdezano tampouco houbo cambios. En Lalín, a pesar da súa extensión e numerosos núcleos, só hai seis nos que non habita ningunha persoa. Estes son os de Piñoi (Vilatuxe), Mouriscade (Vilanova), Corvillón (Selo), Anseán (Anseán), Vilela (Anseán) e Agrazán (Anzo).

En Rodeiro e Agolada hai máis aldeas abandonadas que na capital dezana, con sete cada un. En Agolada son as de Casquive (Carmoega), Sisto (Órrea), Casas Novas (A Baíña), Cendoi (Artoño), Quintas (Artoño), Traspenas (Artoño) e A Torre (Borraxeiros). E en Rodeiro son as de: Vence (Rodeiro), Casardixo (O Salto), Remesar (Carboentes), Devesa (Rodeiro), Devesa (Río), Vila do Fondo (Riobó) e Xouba (San Salvador de Camba).

En Forcarei hai dous con estas características, Pereira (Pereira) e Regotraveso (Presqueiras), mentres que en Vila de Cruces contabilízase un, Silvares (Merza) e en Dozón ningún.

A soas na aldea

Segundo a información do Nomenclátor, son 28 os núcleos rurais cun só habitante. A maior parte atópanse en Lalín, onde hai nove persoas que están soas nunha aldea. A Goleta (Madriñán), Pedrouzo (Moneixas), Outeiro (Lalín), Navallo (A Xesta), Chedas (Zobra), Souto (Gresande), Castiñeira (Lebozán), San Martiño (Doade) e Casas Vellas (Catasós).

Oito están na Estrada: Casa do Monte (Santa Cristina de Vexa), O Río (Riobó), O Alderido (Riobó), O Regueiro (Arnois), Outeiriño (Arca), O Outeiro (Agar), A Abelleira (Lamas) e O Río (Agar). Séguelle Rodeiro e Vila de Cruces con catro, Dozón con tres, Silleda e Agolada con dous e Forcarei cun.

Algo de compaña

Tamén hai lugares nos que residen dúas persoas, moitas veces en parella, pero noutras ocasións fano cada un nunha vivenda diferente. Na Estrada isto ocorre nas aldeas da Lagoa, Paraxó, A Pena de Arriba, A Igrexa e O Arnado. Por exemplo, na Igrexa, na parroquia de Liripio, viven dous homes. En Lalín son dous núcleos, o de Alfonsín e o de Penelas. Mentres que en Silleda son catro: Regueira, Rabo de Gato, Barcia e Tellado.

Poboacións só de mulleres e enclaves que triplicaron os seus habitantes

Entre tanto dato e ir e vir de poboación sempre se atopan algúns casos curiosos. Por exemplo, hai aldeas experimentaron un aumento considerable de poboación nun ano. Isto ocorreu en Cardoufe (Dozón), que pasou de estar deshabitada a contar con catro veciños. Na Estrada destaca o caso de Alberiñas, que acadou os dez residentes despois de instalarse sete no 2021.

Se temos en conta que o número de mulleres é maior que o de homes e que estes teñen unha esperanza de vida menor, é posible que haxa núcleos nos que só vivan mulleres. Isto sucede na aldea estradense da Casa do Frade, na Barcala, onde viven cinco mulleres. No entanto, tamén as hai con só poboación masculina, a xa mencionada A Igrexa (A Estrada) e na aldea silledense da Casela (Lamela), onde residen tres homes.