Un camión esnaquiza o cruceiro da igrexa de Guimarei ao manobrar

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

E CUIÑA

O vehículo atopábase manobrando para dar dar servizo a unha obra próxima cando chocou accidentalmente

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Un camión esnaquizou este luns o cruceiro artístico situado na contorna da igrexa da parroquia de Guimarei (A Estrada). O vehículo atopábase manobrando para dar dar servizo a unha obra próxima cando chocou accidentalmente co cruceiro. A base desprazouse e o fuste e a cruz caeron ao chan e acabaron en pedazos. A Policía Local acudiu ao lugar e sinalizou as desfeitas. Os fragmentos foron retirados este martes do chan.

Os veciños reuníronse onte pola tarde no teleclub da parroquia para valorar o ocorrido. Teñen previsto solicitar unha reunión co goberno local para estudar que medidas tomar. Segundo explica o alcalde de barrio, José Rosende, valorarase a posibilidade de restaurar o cruceiro esnaquizado ou ben substituír a parte danada por unha peza nova.

O cruceiro, duns cinco metros de altura e notable valor artístico, tiña un pedestal con tres gradues decorado con caveiras, un fuste hexagonal cunha figura tallada e un capitel cuadrangular con volutas. A cruz tiña esculpida no anverso a figura de Cristo crucificado e no reverso a da Virxe, cun anxo aos pés.