Aparatoso accidente sen feridos no centro da Estrada

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

28 novs 2021 . Actualizado ás 21:16 h.

Os veciños da Avenida Benito Vigo á altura do restaurante Arxentinos, víronse sorprendidos á primeira hora da mañá do domingo por un espectacular accidente de tráfico, no que, afortunadamente, non houbo que lamentar feridos de consideración. A imaxe dun coche envorcado nas inmediacións da arteria principal da Estrada fixo temerse o peor aos máis madrugadores, que observaban desde as fiestras ou mentres paseaban pola zona o despregamento policial para atender ao condutor accidentado.

O sinistro tivo lugar ás 8.30 horas da mañá. Un Volkswagen Tiguan, saíuse do carril e impactou contra un Toyota Corolla, que estaba estacionado no lugar. O impacto provocou que envorcase, chocando novamente contra outros dous vehículos aparcados. Ao parecer, o condutor, que resultou ileso, quedou durmido ao volante e perdeu o control do automóbil. Os servizos de urxencias e a Policía Local desprazáronse rapidamente ata a zona para auxiliar ao condutor e dirixir o tráfico.