O mes de setembro pechouse na zona con 31 parados menos

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

No último ano as dúas comarcas recuperaron xa 545 postos de traballo

05 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

As cifras do paro correspondentes ao mes de setembro borraron da lista da procura de emprego a 31 persoas na zona. Por comarcas, subiu o paro en 13 persoas en Tabeirós-Terra de Montes e baixou en 44 na Estrada. Foi un mes de poucos cambios. Polo que respecta á comarca de Deza, en Agolada e Lalín a cifra quedou invariable e mantense a do mes anterior con 75 e 1.004 parados, respectivamente. O maior crecemento do emprego prodúcese en Silleda con 25 parados menos e 13 menos en Vila de Cruces. En Silleda pasouse de 356 a 331 e en Vila de Cruces, de 200 a 187. En Dozón son tres menos e queda a conta en 22. En Rodeiro tamén son tres parados menos sumando 54 persoas en busca de traballo.

En Tabeirós-Terra de Montes, Forcarei engade 18 parados acadando os 106 fronte aos 88 que se contabilizaban no mes de agosto. Na Estrada son once parados menos pasando de 976 a 965 e Cerdedo suma seis persoas máis en busca de traballo. Eran 50 en agosto e son 56 ao peche do mes de setembro.

A zona contabiliza un total de 2.800 parados, dos cales 1.673 achégaos Deza e os 1.127 restantes os concellos de Tabeirós-Terra de Montes. Se comparamos este peche de setembro co de hai un ano, vemos que xa se produciu unha recuperación do emprego. Despois das perdas de traballo provocadas pola crise derivada da pandemia, o saldo do último ano guinda a recuperación dun total de 545 empregos na zona.

Só hai que comparar os datos do mesmo mes deste ano e o pasado. No 2020, a cifra de persoas sen traballo na zona era de 3.345, case dous miles, en concreto 1.965 achegábanas os seis municipios dezáns e 1.380 Tabeirós-Terra de Montes. Hai que lembrar que a estatística que fai pública a Xunta cada mes segue recollendo os datos do municipio de Cerdedo por separado sen ter en conta a fusión con Cotobade.

As mulleres seguen levando a peor parte e son as que contan cunha maior porcentaxe de paradas. Unha fenda que empezou a abrirse coa caída das empresas do téxtil na zona e continúa estando moi viva.

Son, este último mes, 1.711 mulleres sen traballo fronte a 1.089. Por comarcas, en Deza son 1.038 mulleres fronte a 635 homes. En Tabeirós son 673 mulleres e 454 homes. Os menores de 25 anos sen traballo son case un centenar, en concreto, 99. Destes son 54 en Deza e 45 na comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

O sector servizos acapara o 64 % dos parados da zona. Son, a peche do mes de setembro, un total de 1.793, dos cales 1.032 son de Deza e 761 de Tabeirós-Terra de Montes. Suma máis parados que o resto dos sectores xuntos. Hai un ano supuñan o 62 %, un pouco menos que neste momento porcentualmente, pero contabilizábase un maior número de persoas sen traballo neste sector. Eran 2.097, 1.167 en Deza e 930 en Tabeirós. Son agora 304 parados menos que hai un ano.

Séguelle, aínda que moi de lonxe, en número de persoas sen traballo a industria con 403, 119 en Tabeirós-Terra de Montes e máis do dobre, 284, en Deza.

A construción, que agora empeza aos poucos a despegar de novo, rexistra ao peche do mes de setembro 214 persoas sen traballo, 111 delas na comarca de Deza e as 103 restantes en Tabeirós.

O sector da agricultura e a gandería continúa sendo o que menos paro ten sumando 130 persoas na zona, Son 44 en Tabeirós e, case o dobre, 88 na comarca de Deza. A estas cifras hai que sumar 260 persoas, 160 deles nos municipios dezáns e 100 nos de Tabeirós, en busca do seu primeiro traballo.

2.800

Total

As dúas comarcas suman un total de 2.800 parados

1.673

Deza

Os concellos dezáns achegan 1.673 desempregados

1.127

Tabeirós

A zona de Tabeirós suma 1.127 persoas sen traballo

O Instituto Galego de Estatística (IGE) cifraba onte en oito, o número de sociedades mercantís constituídas o pasado mes de setembro nas dúas comarcas. Foron catro na comarca de Deza e catro na de Tabeirós-Terra de Montes. Nesta última comarca as catro creáronse no municipio da Estrada e en todos os casos foron sociedades limitadas.

Das catro dezanas, tres desas novas empresas teñen a súa sede social no concello de Lalín e unha en Silleda. O pasado ano, setembro foi un bo mes a pesar da pandemia e a cifra foi mesmo máis elevada da deste ano. O IGE contabilizaba unha decena de sociedades mercantís constituídas. Destas, sete rexistráronse en Deza, cinco delas en Lalín e dous en Silleda. A estas sumábanse tres en Tabeirós-Terra de Montes, todas elas na Estrada.