A oposición aproba con receos a reversión de terreos na Agasp e o plan de iluminación

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

22 jul 2021 . Actualizado ás 21:17 h.

A Estrada aprobou no pleno urxente celebrado o mércores a reversión dos terreos na Agasp para albergar as novas instalacións deportivas e a aprobación do proxecto de renovación da iluminación no rural do municipio. Dous plans de envergadura e elevado orzamento que foron aprobados dentro do previsto, mesmo cos votos favorables dos partidos da oposición.

Pese ao acordo, o principal partido da oposición, o PSOE, aproveitou o pleno extraordinario para esixir ao goberno municipal que atenda ás demandas dos puntos de luz que chegaron ao Concello nos últimos anos e que segundo os socialistas «levan anos metidas nos caixóns de alcaldía». O seu portavoz, Luis López Bo, asegurou que «hai moreas de peticións sen atender», indicando que sería óptimo «ir dando indicacións a medida que se renovan as antigas luminarias polas LED».

O apoio do grupo municipal socialista ao proxecto de renovación da iluminación no rural vén condicionado polos prazos que marca o IDAE. Para López Bo «é obvio que se debe aproveitar o financiamento do Estado», manifestando que «é unha cuestión que se está levando a cabo en case todos os concellos, e A Estrada non debe quedar atrás».

En relación con este asunto, o líder do PSOE estradense instou ao PP a que de resposta ás «decenas de veciños que solicitaron novos puntos de luz durante os últimos anos». López Bo entende que o momento «é agora», asegurando que «o custo que terá a maiores é perfectamente asumible polo Concello».

Móvete

Outro dos grupos da oposición que votou a favor de ambas as mocións foi Móvete. O partido que lidera Mar Blanco defendeu a reversión das parcelas da Agasp «para que A Estrada siga sendo un concello de atletas», indicando que «despois de dez anos no goberno xa ía sendo hora de que o alcalde se tomara en serio a súa promesa electoral cos equipos de atletismo». Así mesmo, Móvete tamén apoiou a renovación da luminaria municipal no rural, alegando que é importante para «reducir o consumo enerxético e a pegada medioambiental, así como reducir a factura da luz».

BNG

Os nacionalistas votaron a favor pero con reservas, asegurando que o Concello entregou a documentación con pouco tempo para a súa revisión e posterior labor de control.