Máis lixo que vehículos

Javier Benito
j. benito A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Laura Piso

Mozos da Estrada concienciados co medio ambiente retiran 30 bolsas de desperdicios do aparcadoiro público

19 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estrada pode presumir de distintos colectivos xuvenís, vinculados entre si no centro A Estación. Desde iniciativas de lecer a medio ambientais ou de recuperación de espazos naturais nacen no seu seo. Accións de concienciación, como hai uns días coa retirada de pintadas vandálicas na estación de autobuses, ou a recollida de todo tipo de lixo que levaron a cabo onte nun dos aparcadoiros públicos máis céntricos, próximo á praza Martínez Anido.

Oito novos vinculados á Estación empregaron ao redor de tres horas do seu tempo para retirar todo tipo de desperdicios dese espazo. Estaba máis cheo de lixo que de vehículos, poderiamos dicir. Foron unha trintena de bolsas as que encheron para tiralas a colectores próximos. Daniel Pérez, un dos participantes, destacaba que atoparon infinidade de máscaras así como restos de botellóns e mesmo de bolsitas que puideron conter algún tipo de estupefacientes, ademais de roupa enterrada ou centenares de cabichas. Apuntaba que levaba anos sen limparse ese espazo e que aínda quedaron zonas onde non puideron actuar. Agora prevén contactar co Concello para ver se actúa, en especial en zonas que non son privadas e dependen deles.

«Parece que hai un problema de alcoholismo na Estrada, visto o volume de botellas e latas que recollemos», lamentaba Daniel Pérez. Non descartan unha segunda xornada de limpeza para combater tanto incivismo entre usuarios deste espazo urbano.