«Estamos indignados: isto non axuda nin aos bares nin aos restaurantes»

Rocío García Martínez
Rocío García A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

As cafeterías piden ampliar horarios e as casas de comidas máis marxe

16 abr 2021 . Actualizado ás 04:00 h.

Indignación. É a sensación xeral da hostalería local tras coñecer as novas medidas para o sector que se aplicarán a partir de hoxe. A relaxación das restricións será mínima. A única diferenza coas normas vixentes é que os restaurantes poderán servir ceas ata as 23.00 horas. Só se teñen licenza específica de restaurante, funcionan con reserva, levan a cabo un rexistro de clientes e controlan a calidade do aire con medidores de CO2.

As medidas colleron por sorpresa aos bares e cafeterías. «Pensabamos que nos darían unha horiña máis a todos», conta María Tomei, do bar Enredo da Estrada. «Agora que medraron os días, mandar marchar á xente ás nove non ten sentido. Se nos deixaran polo menos abrir ata as dez, sería outra cousa. Xa non pido ata as once. A xente non vén tomar os viños ata que sae de traballar, así que non poden pretender que abras pola tarde e peches cando sae a xente do traballo», explica.

A nova normativa tampouco convence os locais de comidas que traballan sen ter licenza especificamente de restaurantes. «Aquí licencia de restaurante como tal poucos locales teñen, pero moitos dan comidas ou tapeo con outros tipos de licencias e non van poder acollerse á ampliación de horario. Ademais, eu penso que estamos nunha dinámica máis de tapeo, de picoteo e de cena informal que de sentarse a cear nun restaurante», considera o presidente da asociación Hostaleiros dá Estrada, Manolo Bascuas.

«A reserva previa non vai provocar problemas porque xa se estaba traballando moito con ela. O rexistro de usuarios é un traballo máis pero tampouco é preocupante, pero o tema da licencia e o medidor da calidade do aire... Penso que moita xente vai esperar ao 9 de maio a ver que pasa», augura Bascuas.

Un deses locais con licenza para servir comidas pero sen catalogar especificamente como restaurantes é a Taberna Navegación. «Eu seguirei como estaba, abrindo ata a las 21.00 e con encargas para levar. A licenza que teño non é de restaurante e non da tempo a sacala, xa que ademais implicaría facer reformas en baños, saídas de emerxencias... Este é un sitio pequeno. Sería un gasto e non paga a pena», conta Xoán Pichel.

«Isto non axuda nin a bares nin a restaurantes. Incluso os restaurantes están mosqueados. Que sentido ten que che esixan un medidor de CO2 para dar ceas ata as once se o resto do día podes funcionar sen el?», pregúntase o hostaleiro. «Parece ser que os hai por cen ou cento e algo euros. Non é que sexa unha gran inversión, pero ao mellor ao final non serve para nada. Igual pasa como cando foron as reformas dos locais pola lei do tabaco», comenta Pichel.

«Isto non ten sentido ningún. Dá a sensación de que as normas sácanas sen asesorarse coa hostelería. Parece que esa xente non vai á rúa, que non fala coa xente», lamenta.

Aumentan os casos nos centros educativos, en Lalín e en Vila de Cruces

O número de casos creceu en Lalín pasando de 9 a 13, catro máis e en Via de Cruces que sobe de 6 a 9. Neste caso os novos positivos son da contorna familiar dun estudante que dera positivo. No municipio da Estrada onte detectábase un novo caso, aínda que con reservas á espera de confirmación por parte de máis probas. Co., sería 4 os casos activos. Soben tamén os positivos nos centros educativos, onte a Xunta apuntaba un caso na gardería de Silleda cunha aula pechada, outro no colexio Nosa Señora dá Piedade de Cruces cun positivo e unha aula pechada e tres en Lalín, dous deles no colexio Xesús Gomar e un no Loriga de Prado.

«O nivel de CO2 só preocupa despois das nove da noite?. É unha incongruencia»

Incluso quen teñen licenza de restaurantes están a exporse se ampliar o horario de apertura ou non. Manuel Bouzón, do restaurante Tasmania da Estrada é un dos que optou, polo momento, por seguir pechando ás nove da noite. «Co toque de queda ás once da noite poucas ceas vas dar. Aquí todos queren cear ás dez ou dez e media. Algúns incluso á once», explica. Bouzón ve ademais outros inconvenientes á nova normativa. «Eu teño cafetería e teño restaurante. Que vou facer? Botar aos do bar ás nove e deixar aos que veñan cear? Parecería que os estás querendo obrigar a cear. Incluso lle pode parece mal a algún cliente. Por iso, de momento, imos seguir co mesmo horario», conta. «Ademais nós temos un aparato que renova o aire, pero non temos medidor de CO2. O nivel de CO2 só preocupa despois das nove da noite?. É todo unha incongruencia. Un desastre. Quérenche dicir que te deixan traballar, que te deixan abrir para cubrirse e non dar axudas, pero así non hai quen traballe», di Bouzón.

Os Peares é un dos locais estradenses que ten previsto ampliar horario. O local conta cun sistema de alarma que inclúe medidor de CO2. «Aí non temos problema, pero vai ser un cristo co tema de que os viños se acaben ás nove e as ceas poidan seguir. Imos ver como organizar», di Ramiro Brey.