As peticións de praza auguran unha baixada de alumnos na zona

rOCío Ramos. LALÍN / LA VOZ

A Estrada

E CUIÑA

Por agora, son máis os rapaces que deixarán os colexios que os que entrarán en 3 anos

24 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O luns pechouse o prazo de presentación de solicitudes de admisión para o próximo curso escolar nos colexios, pero a algúns centros aínda están a chegar peticións. De momento, a cifra global de alumnos prevese que sexa inferior que a do actual curso aínda que haberá que agardar ao mes de setembro para ter o total final e poder realizar un cálculo exacto, xa que ao longo dos próximos meses, e ata o inicio do próximo curso, aínda se poden sumar estudantes. Esa percepción de que hai menos nenos exprésanas en moitos centros. Un deles é o Xesús Golmar, que segue recibindo peticións, pero comentan o número de reservas de alumnos novos baixou respecto de cursos pasados. No Pérez Viondi da Estrada recolleron 28 solicitudes para pequenos de tres anos. No Manuel Rivero de Lalín, cunha soa unidade para nenos de tres anos, do mesmo xeito que outros anos, cubriron as prazas e sóbranlles unhas cinco peticións, co cal, apuntan desde o centro, terán que baremar. A estas súmanse tres ou catro solicitudes máis de prazas para diferentes cursos de Primaria.

No colexio do Foxo suman de momento cinco para outros tantos escolares de tres anos. Unha cifra pequena tendo en conta que o ano pasado foron 28. A estas súmanse tres ou catro para Primaria. Este curso en sexto hai nos 17 estudantes que se aproban todo, deixarán o centro para irse ao instituto.

Na maioría dos centros, aínda que as contas aínda poden variar, e adoitan facelo de forma positiva, de momento os cálculos son que se vaian o curso próximo máis alumnos dos que entren. No Figueiroa da Estrada suman 30 peticións, e unhas seis máis para Primaria pero en sexto hai 50 este curso que se irían.

No colexio da Bandeira entrarán de momento, nove de tres anos e en sexto hai 15 que pasarán ao instituto se aproban. En Silleda pediron praza 25 para tres anos pero de irse todos os de sexto de Primaria, deixarían o centro 37. En Rodeiro demandaron praza nove para tres anos e, neste caso, serían os de cuarto da ESO os que se vaian ao instituto. Se todos superan o curso, serían 16.

O colexio de Forcarei ten este curso 15 escolares de tres anos, unha cifra considerable froito dun ano cunha gran natalidade tres anos antes. A do seguinte ano que se reflicte agora nos datos do curso que vén non foi tan boa. De momento teñen seis de tres anos. De sexto son nove pero este ano ao longo do curso sumáronse 5 novos. Confían que o curso que vén ocorra o mesmo. En Cerdedo pediron praza cinco de tres anos e de sexto iríanse seis, como máximo. En Agolada realizaron a petición de admisión sete e iríanse algúns máis porque son once en sexto de Primaria.

No colexio de Vila de Cruces suman 17 solicitudes para tres anos e de sexto son este ano 28. Na escola infantil de Donramiro , teñen seis peticións para cinco prazas, polo que terán que baremar. No colexio de Merza non houbo ningún durante o prazo aberto.

O rural aguanta o tipo e algúns centros crecerán en estudantes

Moitos dos colexios do rural van aguantando o tipo, e mesmo algún conta con crecer lixeiramente no número de estudantes. No de Soutelo de Montes, en Forcarei, teñen este curso uns 40 alumnos. De tres anos pediron praza sete e en sexto este curso hai só catro que se irían. En Vilatuxe suman doce solicitudes e en sexto son só oito co que a conta quedaría en positivo e aínda poderían sumar nenos do centro urbano.

No Cerdeiriñas de Piloño , en Cruces, contan con nove peticións para tres anos, máis unha máis pendente de entrega e en sexto hai seis estudantes só. No colexio de Oca , na Estrada vanse mantendo. Son seis de sexto de Primaria e sete as peticións para tres anos, co que de momento, xa sumarían un alumno máis que este curso.

No de Vexa teñen sete peticións para tres anos e unha para Primaria e de sexto iríanse once. No de Codeseda a conta quedaría igual. Solicitaron praza sete de tres anos e tres máis para diferentes cursos de Primaria e iríanse dez de sexto. En Dozón só houbo unha petición para tres anos e de sexto iríanse catro, aínda que este curso en setembro se matricularon seis novos, polo que hai esperanza. No colexio lalinense de Prado suman xa dez peticións para tres anos e iríanse catorce e en Cercio calculan que quedarán máis ou menos como neste curso.