O vento e a choiva provocaron numerosas caídas de árbores e postes

R. R. LALÍN / LA VOZ

A Estrada

José Ramón Moire

21 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O vento e a choiva deixaron un regueiro de incidencias na zona, a maioría delas caídas de árbores que cortaron diversas pistas e ás que se sumaron caídas dalgún poste e o desprendemento, neste caso na estrada, de placas metálicas de dous edificios no centro urbano que causaron algúns danos en coches estacionados na zona.

Na Estrada, Emerxencias cortou e retirou arboles en Matalobos, Moreira, Vinseiro e San Miguel de Castro e actuaron ante unha chapa solta no lateral da fachada dun edificio na avenida de Vigo e doutra en Calvo Sotelo. Ademais desprazáronse a Vinseiro onde caeu un poste da iluminación pública e a Arnois, onde se derrubou outro, neste caso de fibra da Estrada Dixital que xa estaba a ser arranxado polos técnicos á primeira hora da tarde.

En Lalín, Emerxencias retirou unha árbore en Gresande na PO-6001 que vai a Monte Moas e outro en Catasós que cortaba a pista que une Catasós e A Xesta. Os Bombeiros retiraron na mañá de onte dúas en Silleda, un en Toiriz onde caeron uns eucaliptos no EP-7509 e outro no centro urbano, nunha pista de acceso a uns chalés.

Pola tarde sumaban outros dous. Un deles en Silleda, preto do recinto feiral, que cortaba parte dun carril da estrada e outro no Sixto no municipio de Dozón. Era un castiñeiro de gran tamaño que caeu sobre un tendido eléctrico no lugar das Maceiras.

A Policía Local sumaba a estas incidencias a caída dun carballo na EP-6515 en Escuadro, sobre un cable da luz, e a caída dun cable de teléfono na Bandeira. En Vila de Cruces, Protección Civil retirou unhas ramas caídas e en Agolada, o venres, quitaron unha árbore atravesada na estrada de Brántega.

A cantidade de auga caída está a deixar tamén pegada nos ríos que van moi crecidos e desbordados en moitos casos. En Vila de Cruces, o Arnego ofrecía un aspecto singular ao seu paso pola área recreativa O Abeseiro, en Toiriz e en Pontevea, o Ulla mostrábase totalmente desbordado. As precipitacións chegaron a superar os 20 litros por metro cadrado na estación de Lalín segundo os rexistros de Meteogalicia.

O vento deixouse sentir con forza especialmente durante a noite e a mañá de onte. No Faro , no Concello de Rodeiro rexistráronse a noite do venres ao sábado refachos de vento de 93 quilómetros por hora.