O humor negro de Alberto Cardona

Rocío García Martínez
ROCÍO GARCÍA A Estrada / LA VOZ

A Estrada

MIGUEL SOUTO

O ilustrador estradense saca a punta á vida con plumilla e tinta chinesa

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai paixóns que ven vir desde o berce. Como a de Alberto Cardona Valcárcel (A Estrada, 1984). «Sempre fun un rapaz pegado ás ceras. Iso me din na casa. De neno estaba sempre pintando, coa lingua fóra, apretando e debuxando», confesa o ilustrador estradense. «Medrei cos debuxos anime, co manga xaponés, Dragon Ball... Na TVG puxeron ese tipo de series alá polo 88. A min pilloume con catro anos, pero xa empecei a devoralas», conta.

Con Son Goku creceron moitos mozos da súa xeración, pero seguramente poucos llo tomaron tan a peito como Alberto. «Entón eu pintaba de todo, pero eses debuxos gustábanme moito, así que gravaba os capítulos e despois ía parando o VHS para ver os frames e copialos. Conxelaba a imaxe e facía os debuxos que máis me gustaban. Aínda os conservo», conta.

«Meu pai tamén é afeccionado ao cómic americano, tipo Spiderman e superheroes en xeral. Eu papeinos todos. Supoño que todo iso ten que algo que ver», explica o ilustrador.

A pesar da súa devoción pola ilustración, Alberto de entrada non se expuxo vivir dela. «Nunca deixei de pintar, pero ao rematar no instituto estudei Maxisterio musical», conta. A música era a súa outra paixón e Alberto -que toca a batería e formou parte dos grupos Apocalypso e Meus- víalle máis saídas laborais que á ilustración. Así que ao rematar a carreira, o estradense traballou varios anos como profesor de música. En Vimianzo, Malpica, A Coruña, Carril ou Vilagarcía. Ata que se decatou da apertura da Escola Profesional de e Banda Deseñada Ilustración O Garaxe Hermético de Pontevedra, con Kiko dá Silva á fronte. Faltoulle tempo para matricularse. «Estiven formándome alí tres anos. Era unha ilusión que tiña desde pequeno e decidín dar o paso», conta.

Aquelas clases non fixeron máis que confirmarlle a súa vocación de ilustrador. Foron anos enriquecedores nos que tivo a oportunidade de editar de forma conxunta con outros compañeiros os seus primeiros traballos de cómic e álbum ilustrado.

Patetismo diario

A Alberto cústalle definir o seu estilo. «A miña referencia é o cómic americano underground. Se tivera que citar un autor diría Robert Crumb, de American Splendor. Gústame ese reflexo do patetismo diario da vida mesturado co humor negro. Ese é o tipo de cómic que consumo e o que inconscientemente me sae moitas veces a nivel de contido. A nivel gráfico sae de todo, non hai unha liña marcada. En canto á técnica, no cómic traballo con plumilla e tinta china e se coloreo é con acrílicos ou dixitalmente», explica.

Na liña de humor negro era precisamente o traballo co que Alberto gañou o seu primeiro recoñecemento individual, o premio Curuxa de Humor Gráfico do Museo do Humor Gráfico de Fene. «Era sobre un personaxe que cavilaba sobre se deixar ou non o traballo e levaba así cavilando 22 anos. É algo habitual na miña xeración...», comenta.

Discos de corte

Recentemente, o ilustrador hase embarcado co seu amigo Fernando Prado nun proxecto que conxuga as súas dúas devocións: a ilustración e a música. Xuntos crearon o selo Discos de corte, centrado na edición de pequenas tiradas de discos en formato físico. «Eu encárgome da portada e do deseño do disco e Fernando do resto. É un proxecto pensado para tentar romper esa brecha cultural que hai e que un grupo pequeno poida editar 20 ou 40 discos», comenta. «Desde o verán pasado editamos catro traballos», conta.

O ilustrador tamén autoedita fanzines e traballa no deseño de carteis para concertos ou eventos, como os do San Xoán do Areal de Berres

Este curso, Alberto Cardona compaxina o seu traballo como profesor de música no Conservatorio da Estrada coa preparación de oposicións a Primaria. Todo iso sen deixar de lado a ilustración. «Só coa ilustración non se pode subsistir. Aínda que sexas profesional. E agora co covid menos. Eu disfruto todo: a música e a ilustración. Cando necesito evadirme, non pensar, recurro ó debuxo. Pero teño tamén moita afinidade cos rapaces no eido da creación. Enténdoos moi ben. Gustaríame moito poder promocionar a área da creatividade na escola pública. Eu non pinto ben por ter máis talento. Pinto ben porque seguín pintando. Habería que darlle máis importancia á creatividade no currículo. Os nenos a certa idade deixan de pintar, de bailar... porque ao ámbito artístico no se lle da no currículo a importancia que ten. É moi importante de maneira primitiva. Realmente é esencial, aínda que esa importancia non se traduza a nivel estatus social e económico», di.