Ana Castro Barja: «É unha artesanía creativa na que a curiosidade nunca se ve satisfeita»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A Estrada

cedida

Lidera na zona un dos poucos traballos artesanais nos que non se mecanizou o proceso

09 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Creou. Chales para varias coleccións do modista Jesús Sáez, vistos en Cibeles. Ten clientes por todo o mundo, en Nova Iorque e Australia.

Participou. En mostras coma a Iberoamericana de Artesanía de Santa Cruz de Tenerife ou a Internacional de Encaixe de Vanberk, na República Checa.

O gran tear que tiña a súa tía-avoa Ermitas en Castro de Rei, onde pasou días de verán da súa nenez, acabou por marcar o futuro profesional de Ana Castro Barja. Aínda que nada na Coruña, dende o 92 en que casou, Ana estivo empadroada na Estrada pero por mor do traballo do seu home viviu moitos anos na Limia; primeiro en Muíños e despois en Sandiás. Lembra que alí, froito da casualidade, visitaron un museo no Concello de Vilar de Santos no que puideron ver un grupo de mulleres tecendo; «pregunteilles se podía aprender... así comezou todo», sintetiza Ana. Pero hai moito máis: queda a lembranza do tear de Ermitas; «que supoño que iso fixo que dende sempre quixera aprender a tecer», e a posta en marcha de Creacións en Tear; o seu obradoiro emprazado de xeito temporal pretiño do Pazo de Oca (A Estrada) xa que se asentará definitivamente en Abades (Silleda), e a paixón coa que fala do que fai.

-Exactamente cando arranca esa aprendizaxe do uso do tear?

-Dende o ano 99 adícome en corpo e alma a este oficio maravilloso. Maravilloso pero tamén sacrificado, xa que require de bastante esforzo físico; ao traballar cos pes e brazos ao mesmo tempo, as costas se resenten. Son moitas horas de traballo para cada peza.

-Unha parte dos traballos artesanais foron mecanizándose, non así no caso do tear.

-Esta é unha das poucas artesanías nas que aínda non se mecanizou ningunha parte do proceso. Pódese dicir que é de principio a fin totalmente manual: dende preparar a urdime na urdideira, pasando logo por enfiar peite e lizos, urdir, tecer, rematar, lavar e planchar son os procesos que require cada peza.

-Pasamos dun oficio que abundaba a ser extremadamente escaso. A que se puido deber?

-En toda Galicia este foi certamente un oficio moi estendido, xa que en case todas as parroquias había algunha tecedeira, xa que era unha necesidade. A xente sementaba o liño, e con este e coa lá das ovellas, as tecelás tecían as teas para despois facer as vestimentas e a roupa para o fogar. Claro que todo isto requería de moito traballo, polo que os tecidos industriais foron ocupando o lugar, e as tecelás foron desaparecendo. Os obradoiros que traballamos na actualidade seguimos empregando as mesmas técnicas, producimos complementos de moda e fogar con deseños actuais, pero o proceso require de moitas horas polo que a produción é reducida e por iso quedamos poucos. Conseguir manterse a flote non é doado. Verbas e expresións tan de moda como «readaptarse», «resiliencia» ou «saír da zona de confort» son o día a día de calquera artesán: hai que estar atento, ser fiel as túas propias creacións, tecer pezas que o público demande pero sen caer na trampa das modas efémeras xa que nós non temos a capacidade das grandes industrias. Ser artesán é moito máis que facer algo coas mans. Non é un traballo que teñas dunhas determinadas horas, eres artesán as 24 horas, todo o que ves, sintes e vives inflúe no teu traballo, no que creas, no que imaxinas...

-Dicía que non é fácil manterse no oficio.

-Non o é, pero a pesar de todas as dificultades sigo tecendo ao ser unha artesanía que me permite crear infinidade de tecidos diferentes, na que a curiosidade nunca se ve satisfeita e sempre podes aprender máis. Empodera a quen aprende a tecer e se volve capaz de crear pezas para os seus e para se mesma. É como quen aprende a cociñar e desfruta compartindo o que cociñou. Por todo iso sigo mantendo a mesma ilusión que o primeiro día que me sentei diante dun tear.

«Pretendo crear un punto de encontro no que se aprenda o oficio, pero como medio de vida»

Ana Castro Barja, que é a única tecedeira que mantén vivo este vello oficio na zona, ten as súas costas centos de cursos impartidos dende 2002; tanto para aqueles que se queren iniciar coma os que buscan un perfeccionamento no eido do tecido artesán en baixo ou en macramé.

-Fágoo en boa medida para que se visibilice o noso traballo, que se coñeza e que se recupere este oficio.

-Que produtos saen de Creacións en Tear?

-Tezo principalmente complementos de moda (chales, fulares...) e tamén pezas de fogar: manteis, mantas de bebé... Con fibras naturais: liño, seda, alpaca babi, lá, meiriña... Empregando as mesmas técnicas de tecido de sempre, complementándoas con outras técnicas como é o macramé ou o encaixe de palillos para darlle un acabado personalizado. Outra parte da miña produción son pezas feitas por encargo, para reproducións dos traxes antigos.

-Escoitaría máis dunha vez que son pezas caras.

-As veces, por descoñecemento, a algunhas persoas pode parecerlle que o téxtil artesán é caro pero están equivocadas. Son pezas elaboradas con materia prima de primeirísima calidade, con moitas horas de traballo... Unha colcha artesá de gorullo se se compara cunha alfombra turca a ninguén lle parecería cara. Todo depende de con que se compare.

-En proxecto para este ano?

-Espero con ilusión poder ubicar o obradoiro definitivo en Silleda; despois de telo en Muíños, Sandiás e A Estrada, cando restauremos unha casa comprada para esa finalidade e na que desexo sexa un punto de encontro no que se poida coñecer e aprender máis deste oficio, como medio de vida. Preparamos a nova páxina web, e facilitar a compra en liña é outro reto que nos marcamos.