Prevén construír os novos xulgados da Estrada no 2022

Javier Benito
j. benito A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

O proxecto da obra estará no último trimestre deste ano

02 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo edificio xudicial da Estrada construirase durante o 2022, co proxecto definitivo de obra no último trimestre deste ano. Antes o Concello deberá abordar o proceso administrativo para a cesión da parcela na Baiuca onde se levantarán os xulgados, os últimos en Galicia en unificarse tras finalizar xa os de Tui. Ese cronograma de traballo abordouse onte na visita do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, á capital estradense xunto coa delegada territorial en Pontevedra, Luisa Piñeiro.

Acompañados polo rexedor, José López, inspeccionaron o soar na Baiuca onde se prevé levantar a nova infraestrutura xudicial. Este ano os orzamentos da Xunta xa habilitaron unha partida de 60.000 euros para iniciar o proceso de construción dos xulgados. Rueda insistiu en que «é necesario acabar coa dispersión dos Xulgados que había nalgúns concellos de Galicia, como era o caso de Tui que xa conta cun novo edificio xudicial e agora co novo edificios que se fará na Estrada». Aludiu a esa previsión de ter o proxecto definitivo no último trimestre do 2021 e abordar a execución material ao ano seguinte, fixando a correspondente partida económica. Tamén cualificou de magnífica a parcela escollida, «para un crecemento ordenado da vila».

López destacou a iniciativa municipal de aglutinar na Baiuca os distintos servizos públicos, desde o 2017, para «aproveitar e crecer a vila con certo orde a nivel urbanístico». Lembrou que se comezou a xestar coa escola infantil e despois co centro de saúde, que abrirá a próxima semana, para agora afrontarse a unificación xudicial. O rexedor apuntou que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 é de titularidade da Xunta, mentres o 2 está nunha localización temporal e do Concello, «con condicións mellorables». Agradeceu ademais a implicación do Colexio de Avogados de Pontevedra polo seu apoio para xestar o proxecto.

O alcalde confía en que no 2022 ese novo edificio xudicial poida dar cobertura a Tabeirós e Terra de Montes. López agarda ter pechado o proceso administrativo nun prazo duns tres meses para ceder a parcela, tras as aprobacións inicial e definitiva en pleno.