As restricións continúan en Lalín, Silleda e A Estrada, que só ten 17 casos

La Voz LALÍN, A Estrada / LA VOZ

A Estrada

28 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín, Silleda e A Estrada continúan en peche perimetral polo menos ata o vindeiro martes, cando o comité clínico decida se se manteñen as restricións especiais para estes tres municipios dezáns. Ademais xa se avanzou que haberá dúas liñas distintas de actuación en Galicia, entre os concellos de máis e de menos de 10.000 habitantes.

Na Estrada continúase dobregando con solvencia a curva de contagios. Dos 65 pacientes activos rexistrados no pico máximo da segunda onda caeu en poucos días aos 17 rexistrados onte. O xoves e o venres producíronse numerosas altas e só se detectaron dous casos novos de covid-19, ambos de estradenses que están a residir fose do municipio. Dos 17 activos actuais, oito están en relación co brote de Vexa. Hai tres ingresos hospitalarios.

O xefe de servizo de Atención Primaria do centro de saúde da Estrada, Juan Sánchez, considera que a situación agora está controlada e que se a tendencia actual se mantén, con colaboración de todo o mundo, sería posible chegar á ponte con cocientes compatibles cos esixidos para reabrir a hostalería.

Nunha situación moi diferente está Lalín, onde onte se mantiñan activos 51 casos, mentres que Silleda tampouco dobrega a curva e contabilizaba 28, polos 5 de Vila de Cruces. Respecto das residencias, foron alta dous traballadores do Fogar de San Miguel de Silleda, e só segue un caso activo, ademais doutro no centro xeriátrico de Forcarei. Nos centros educativos das comarcas seguían onte activos quince casos, tres menos que o xoves.