A curva de activos cae en picado na Estrada e queda en 34

r. g. / r. r. A Estrada, LALÍN / LA VOZ

A Estrada

Miguel Souto

O municipio ten agora 31 enfermos de coronavirus menos que hai unha semana

26 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Controlado o brote de Vexa, A Estrada conseguiu dobregar por segunda vez a curva de contagios e experimentou un descenso acusado dos positivos que este mércores deixou ao municipio con só 34. O 64% dos enfermos de coronavirus neste momento están vinculados aínda co caso de Vexa, no que o cribado demostrou unha notable eficacia para controlar a situación. No entanto, o xefe de servizo de Atención Primaria do centro de saúde da Estrada, Juan Sánchez, advirte que están activos aínda pequenos focos en Vexa, polo que «toda prudencia é pouca».

Na Estrada, a segunda onda do coronavirus iniciouse con timidez o 15 de agosto. Acadou o seu máximo pico o pasado xoves, 19 de novembro, con 65 pacientes activo. A cifra superou o pico máximo da primeira onda, que se rexistrou o 6 de abril, con 60 enfermos simultáneos. No entanto, desde o xoves pasado A Estrada iniciou un descenso pronunciado da curva e en só unha semana o número de activos baixou en 31.

Neste momento, a media de idade dos enfermos é de 50 anos. Cinco están ingresados -un deles grave- e o resto permanecen nas súas vivendas, con atención domiciliaria.

Desde o inicio da pandemia -na Estrada o primeiro caso diagnosticouse o 13 de marzo- documentáronse 275 casos de covid-19. Na primeira onda -que na Estrada concluíu o 24 de maio- foron 100 e na segunda xa van 175 casos acumulados.

Onte o número de casos activos en Lalín, era de 56, un menos que onte, co que de momento, mantense un tímido descenso. É o dato facilitado onte ao Concello nunha reunión de seguimento mantida con Sanidade.

A situación que recolle o Sergas, na páxina da Xunta, en canto a número de casos diagnosticados nos últimos 14 días guinda un saldo de 61 na Estrada e de 54 en Lalín.

Os diagnosticados nos últimos catorce días foron 19 en Silleda, 14 en Cerdedo-Cotobade e outros 14 en Vila de Cruces. En Forcarei o número era entre 1 e 9. As mesmas cifras son as que se recollen no caso dos municipios de Agolada e Rodeiro. Dozón é o único concello da zona que segue sen rexistrar ningún novo caso nos últimos catorce días.

A situación dos casos activos nos centros educativos mantense, segundo os datos facilitados onte pola Consellería de Educación. Aínda que a lista non variaba respecto ao día anterior, si se coñecía onte pola tarde o incremento nun caso máis pasando dun a dous no colexio público de Silleda e que aínda non figuraba nas contas da Xunta.

A estes dous sumaríanse os mesmos casos noutros centros do municipio: un no Ramón de Valenzuela da Bandeira, un no María Inmaculada e un no IES Pintor Colmeiro.

Na Estrada mantéñense os 5 do IES García Barros, un no colexio de Figueiroa, outro no do Foxo, un no Vilar Paramá, un no IES Antón Losada Diéguez e un no IES número 1. En Lalín, o número de contaxiados é, segundo a Xunta, de dous alumnos. Un do instituto Laxeiro de Lalín e outro do colexio Vicente Arias da Maza de Vilatuxe.

Nas residencias da terceira idade a Consellería de Política Social mantén como casos activos os de tres traballadores do Fogar San Miguel de Ponche e dous da residencia das Dores de Forcarei. Polo que respecta á área sanitaria de Santiago onte o número de casos activos elevábase a 962. Na UCI do hospital Clínico atópanse oito persoas ingresadas e 37 máis en planta, ás que se suman dous hospitalizados en centros privados de Compostela.