Todos os concellos da zona excepto A Estrada solicitan axudas para patrimonio

La Voz LALÍN, A Estrada / LA VOZ

A Estrada

CEDIDA

20 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra acaba de pechar o prazo de solicitude de axudas para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico cultural na provincia cun total de 54 peticións presentadas por outros tantos concellos. Todos os municipios das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes concorreron á convocatoria, salvo A Estrada, que foi, xunto coa Illa de Arousa, Meaño, Pazos de Borbén e Pontecesures, un dos cinco concellos da provincia que non presentaron proxectos.

A Deputación repartirá 400.000 euros en axudas a proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio.

Nas comarcas de de Deza e Tabeirós-Terra de Montes os concellos solicitaron axudas para restaurar o peto de ánimas da Inmaculada Concepción (Forcarei), sinalizar e instalar cartelería na mámoa de Chousa Nova (Silleda), conservar o cruceiro de San Marcos (Cerdedo-Cotobade), instalar paneis nos bens inmobles municipais en Dozón, pór en valor varias áreas recreativas naturais en Agolada e pór en valor diversos elementos arquitectónicos, etnográficos e arqueolóxicos en Rodeiro, Lalín e Vila de Cruces.

Segundo as bases da convocatoria, repartirase un importe fixo de 200.000 euros entre todos os concellos solicitantes e o resto segundo poboación e superficie do concello.