A primeira xornada de cribado en Vexa saldouse con 1.167 PCR feitas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Miguel Souto

A resposta da poboación da parroquia foi moi boa, cun 90 % de asistencia

15 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A primeira xornada de cribado en Souto de Vexa obtivo unha resposta moi positiva por parte da poboación. Ao longo da xornada realizáronse 1.167 probas PCR a outras tantas persoas. Unha afluencia importante que fixo que os equipos traballasen de forma intensa ao longo de todo o día. O cribado ten como obxectivo determinar a extensión do foco de contaxio do brote de coronavirus detectado nesta zona. Hoxe poderían saberse xa os resultados das probas levadas a cabo ao longo de onte. E haberá que agardar ata o luns para coñecer o nivel de contaxio entre os que hoxe se sometan ás PCR.

Ata o centro de saúde de Vexa desprazáronse onte o alcalde da Estrada, José López, o edil de Sanidade, Óscar Rancaño e o xerente do centro de saúde estradense, Juan Sánchez. Este último destacou a gran resposta da poboación, expresando a súa felicitación a todos os veciños, que acudiron en masa á chamada. Explicou que «o 40 % da poboación desta zona non ten móbil». Moitos contan cun fixo móbil e ante a imposibilidade de que a algúns lles chegasen as mensaxes, transmitiuse aos veciños que podían ir igual se tiñan o médico adscrito ao centro de saúde da Estrada e viven en Souto de Vexa e os que teñen o cartón sanitario adscrito ao centro médico da parroquia. Non puideron ir, en cambio, algúns que aínda que residen na zona teñen o cartón sanitario adscrito a outros concellos, como é o caso dos que teñen médico na veciña Cuntis.

Pola mañá levaron a cabo 400 cribados con só un momento de atasco por un fallo na configuración dun computador á primeira hora da mañá. Pola tarde, a choiva acompañou parte do desenvolvemento das probas. Ao lado do centro de saúde de Souto de Vexa colocouse unha carpa para facer cola. Sánchez subliñou tamén o labor do persoal de Enfermería que acudiu á chamada para traballar un sábado e un domingo. Onte o número de casos activos do brote de Vexa elevábanse a 26. O número de activos totais na Estrada é de 45, con tres ingresados e unha taxa de positivos de 7,27 %.

En canto ao mapa, Lalín e A Estrada son os únicos concellos da zona que se manteñen en alerta vermella, o que supón o nivel 3 con máis de 21 casos. Silleda e Vila de Cruces atópanse parellos, ambos en nivel 1, mentres que Cerdedo-Cotobade, Rodeiro, Agolada e Dozón seguen en nivel 0, con menos de 7 casos.

Novas curacións en Ponche

A conta de casos activos nos centros educativos feita pública onte pola Xunta guinda un aumento dun caso no García Barros que suma tres activos. Son ademais un no Vilar Paraná, un no Pérez Viondi e un no Figueiroa. En Lalín súmanse un no Vicente Arias da Maza e un máis no Aller Ulla, que sobe a 3. O Laxeiro mantense con 1 positivo e no colexio de Forcarei xa só quedaba unha aula confinada e no Marco do Camballón redúcese a lista a un positivo. E moi boas noticias para a residencia San Miguel de Ponche coa alta de sete novos usuarios tras superar a enfermidade, segundo a Xunta.

Os cazadores piden que lles aclaren as normas nas zonas con restricións

A Mesa Galega pola Caza reclama á Xunta, en nome dos cazadores, a publicación dunha orde, circular ou resolución na que se especifique ao colectivo cinexético galego «cando, onde, como e de que xeito pódese practicar a caza en Galicia» e como lles afectan as restricións e os confinamentos nos diferentes territorios «para obrar en consecuencia e cos maiores rigores sanitarios».

Defenden a caza como unha actividade imprescindible no rural galego e quéixanse de falta de información. Consideran que a Xunta é «cómplice da incerteza, a dúbida e a confusión de máis de 30.000 cazadores». Lembran que é indispensable que os tecores executen os plans técnicos de caza aprobados, cumprindo as cotas de capturas para minimizar danos de especies como o xabaril.

Crespo reúnese o martes cos comerciantes para falar de axudas

O alcalde de Lalín, José Crespo, fixou para o martes, ás 20.30 horas no vestíbulo do consistorio, a reunión xa anunciada cos comerciantes. Un encontro que ten como obxectivo tratar da configuración dun plan de axudas municipais dirixidas ao sector que sexan complementarias ás subvencións doutras Administracións. Á reunión están invitados a participar todos os representantes do sector que o desexen. Por parte do Concello estará o rexedor e a edila delegada de Comercio e Promoción Económica, Karen Fernández.