A Estrada acusa un repunte vertical de contagios, con 47 casos e catro brotes

La Voz

A Estrada

miguel souto

24 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estrada acusa un repunte vertical de contagios. O gráfico de incidencia apunta ao ceo e non hai nada que suxira que poida deixar de subir nos próximos días. Segundo informa o xefe de servizo de Atención Primaria da Estrada, Juan Sánchez, neste momento no municipio coexisten xa catro brotes e algúns deles seguen sumando casos. O primeiro estivo vinculado á celebración dunha comida familiar. O segundo afunde as súas raíces no veciño municipio de Cuntis, con varios residentes que teñen o seu médico de familia na Estrada. O terceiro é o vinculado a un restaurante do centro urbano, que segue sumando contagios. Este venres eran xa nove os positivos asociados a leste brote. A maiores, onte confirmouse un novo brote familiar con tres casos nunha familia numerosa, polo que o número de contagios podería ser aínda maior.

Así mesmo, tamén se detectou un positivo no servizo local de Emerxencias.

Na actualidade, a cifra de casos activos de covid-19 disparouse a 47. A taxa de positividad da última semana é do 7,05 %, xa que 39 dos 552 test PCR realizados resultaron positivos.

Juan Sánchez considera «frustrante» a situación, xa que, segundo asegura, segue habendo moita xente que non é consciente da gravidade do asunto. «Acoden ao centro médico en persoa por cuestións menores ou creen que poden estar contaxiados e preséntanse alí», comenta. «Non entendemos nada. O virus é o mesmo do estado de alarma. O pouco que cambiou non serviu para que se debilite e nós estamos a facilitar que non se debilite porque no noso comportamento social non asimilamos aínda o que debemos facer, que é parar a actividade normal», explica. «Hai que facer unha chamada á responsabilidade colectiva para frear isto», di Sánchez.