O TSXG ratifica a legalidade do ensanche do cemiterio da Estrada

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

r. g.

A parroquia abrirá en outubro un novo prazo de solicitude de panteóns

27 sep 2020 . Actualizado ás 21:13 h.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a legalidade das obras de ampliación do cemiterio parroquial da Estrada, situado en Figueiroa de Abaixo, e revalidou a licenza de primeira ocupación. O fallo, ditado o día 18 de setembro, desestima o recurso de apelación presentado por unha familia da zona contra a sentenza ditada en maio do 2019 polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 3 de Pontevedra en relación co mesmo asunto. Naquel auto, a xuíza declaraba conformes a dereito as tres resolucións sobre o camposanto recorridas pola familia: a concesión ao Arcebispado da licenza municipal para a ampliación (do 4 de maio do 2015), o acordo da xunta de goberno local polo que se toma razón das comunicacións da Consellería de Sanidade dando por cumprimentado o condicionado da licenza sobre regularización do cemiterio preexistente (do 21 de marzo do 2016) e a licenza de primeira ocupación do camposanto (do 18 de xullo do 2018).

Os demandantes consideraban ilegal a concesión da licenza. Entendían que a ampliación era contraria a diversas normas de tipo sanitario e urbanístico. Destacaban, ademais, que a licenza fora outorgada ao amparo dun decreto que posteriormente quedou anulado por diversas sentenzas xudiciais.Convencidos de que a ampliación do cemiterio sería ilegal, os afectados solicitaran en xuño do 2015 a paralización da licenza co obxectivo de que as obras non chegasen a iniciarse. Esta paralización foilles denegada, aínda que a presentación do recurso agora rexeitado desanimó a moitos demandantes de panteóns que, por medo a que finalmente puidese decretarse unha derriba, desistiron do seu interese na compra.

A sentenza do 2019 validó tanto a ampliación do cemiterio de Figueiroa como a legalización dos sucesivos ensanches do camposanto preexistente. A familia recorreu ese fallo xudicial ante o TSXG, pero o Tribunal desestimou agora o recurso de apelación e impuxo as costas procesuais á parte apelante, cun máximo de 1.000 euros.

Segundo Alfredo Cerezales, avogado de Estudo Xurídico Ejaso Global, que levou a defensa da parroquia de San Paio, esta sentenza pode considerarse definitiva e outorga «plena seguridade» aos veciños da Estrada que xa adquiriron nichos no cementero ampliado e aos que se atopaban pendentes da resolución deste contencioso para actuar en consecuencia.

Solicitude de panteóns

O párroco estradense, José Antonio Ortigueira, trasladou unha mensaxe tranquilizador ás familias que estaban á espera dun espazo de enterramento. Segundo avanza, en outubro abrirase un novo período para a inscrición de solicitantes de panteóns no cemiterio parroquial de San Paio.

Ortigueira agradece o seu apoio «a todos os fregueses e amigos que sempre nos animaron a levar a cabo o proxecto do cemiterio parroquial de San Paio» e valora «a estreita colaboración da administración local e autonómica coa parroquia de San Paio na consecución desta primeira fase do cemiterio». Agarda que esta cooperación poida prolongarse no tempo e sirva para sacar adiante novos proxectos.