O Circo Nevada continúa a súa xira por Galicia e actuará na Estrada ata o domingo

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

CARLOS CORTÉS

08 jul 2020 . Actualizado ás 21:13 h.

A compaña estremeña Circo Nevada actuará desde hoxe ata o domingo na Estrada, xunto ao antigo campo de fútbol da Baiuca e cun pase diario ás 20.30 horas durante os catro días. Así, tras quedar meses estancados en Monforte, primeiro debido ao confinamento e despois pola posterior dificultade para recadar fondos e pór en marcha os seus vehículos, o Circo Nevada segue percorrendo terras galegas na súa xira.

Precisamente a semana pasada chegaban con gran ilusión a Silleda para retomar ao fin a súa actividade. Con todo, as súas actuacións na localidade non cumpriron as expectativas que tiñan, pois recibiron unha acollida moito menor do que agardaban. «Creo que o día que máis xente houbo só logramos reunir unhas 37 persoas como máximo. Iso si, a pouca xente que veu quedou moi contenta, tanto co espectáculo como coas nosas medidas de seguridade», explica María Luisa Moreno, portavoz da compaña. Insiste en que comprende que a xente teña medo de acudir, pero que non hai nada do que preocuparse, pois prestan gran atención a que se cumpran todos os protocolos sanitarios.

Con todo, desde o circo non se desaniman e agardan que o recibimento na Estrada sexa maior que en Silleda. Despois, se todo vai segundo o planeado, seguirán a súa viaxe cara a Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Noia. Lembramos que por medio do programa Oferplan de La Voz poden obterse entradas cun 50 % de desconto desde a dirección: https://oferplan.lavozdegalicia.es/.