A Xunta destina 30.000 euros ao centro de atención temperá da Estrada

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A unidade de atención temperá que funciona na Estrada contará cunha subvención autonómica para manter a contratación dun logopeda, unha psicóloga e un terapeuta ocupacional. A Xunta acaba de conceder axudas para financiar 28 destes centros e o Concello estradense recibirá unha partida de 30.539 euros. Estas unidades permiten identificar, previr e actuar de forma precoz sobre trastornos que poidan sufrir os nenos no seu desenvolvemento, en idades de cero a seis anos.

Nesta recente resolución de axudas, a Xunta aprobou financiamento para 28 unidades de atención temperá en toda Galicia, entre as que dez delas son de nova creación. A Consellería de Política Social tamén subvenciona o funcionamento doutras dúas unidades na provincia, unha delas para Deza, con sede en Lalín. Está xestionada a través da Asociación Galega de Atención Temperá. Prevense dúas novas en Baixo Miño e Gondomar.