A Estrada sobe a 60 positivos e Vila de Cruces suma o segundo

La Voz LALÍN, A Estrada / LA VOZ

A Estrada

02 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O número de positivos continúa incrementándose en ambas as comarcas. A Estrada subiu cinco casos máis sobre o último dato coñecido e chega aos 60, pero tal e como avanzara o responsable do centro de saúde o avance da enfermidade está a ser máis contido que en xornadas previas.

Pola súa banda, en Vila de Cruces o número de positivos elevouse a dous. Ao dunha persoa maior que realizara unha viaxe do Imserso súmase o dunha traballadora do hospital Clínico de Santiago que se puido contaxiar no desempeño das súas funcións. Neste caso trátase ao parecer dunha moza que se atopa en casa febril pero que se atopa ben e cuxa saúde está a ser controlada polos médicos.

O médico de Dozón, negativo

Pola súa banda, o médico do centro de saúde que se someteu á proba do COVID-19 a pasada semana deu negativo, polo que traballa xa na consulta aínda que a atención é salvo casos de urxencia telefónica. Polo momento, hai constancia de unicamente un caso.

Tamén en Silleda coñécese un só caso, co paciente ingresado no hospital Clínico de Santiago. En Lalín, o número de positivos por coronavirus ascendía a 14 o martes, en illamento nos seus domicilios na capital dezana.