«Eu non saio de casa, pero aquí hai xente que aínda non acaba de crerllo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

«Pódese saír a pasear a metro e medio de distancia da xente pero parques e praias están pechados»

31 mares 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Á estradense Consuelo Porto o amor levouna alén do charco hai 29 anos. «Na Estrada coñecín a Luis Conde, un americano fillo de estradenses e, despois de sete anos de noivado, casamos e vinme a vivir aquí», conta Consuelo desde a súa casa en San Diego, no estado norteamericano de California.

Consuelo traballa na oficina de contabilidade dun «community college», unha alternativa popular nos Estados Unidos para os dous primeiros anos de carreira que permite ao estudante obter unha sólida base de coñecemento xeral antes de concentrarse nunha área de estudo específico para licenciarse. A estradense traballa, concretamente, no San Diego Mesa College, unha entidade na que cursan estudos nada menos que 25.000 alumnos. Desde hai días o centro está pechado e Consuelo traballa desde a súa casa. Con ela están o seu marido e a súa filla María -á que familiarmente chaman Tico-, que está a estudar en Los Ángeles pero volveu a casa debido á situación actual. O seu outra filla, Paula, acabou en decembro a carreira de Historia da arte e atópase facendo prácticas nun museo en Washington D. C. Alí pillouna a pandemia e alí segue instalada e traballando, aínda que tamén o fai desde casa.

Consuelo asegura que, polo momento, o ambiente en San Diego é de tranquilidade. «Aquí imos dúas semanas por detrás de España e está a pasar o que pasou aí. Moita xente aínda non acaba de crerllo. A xente aínda está a reaccionar», conta. «Moita xente non está a traballar e tómallo como un día de paseo. Aquí pódese saír a pasera polo teu barrio. Eu non saio porque me dá yuyu, pero aquí pódese pasear pola túa veciñanza mantendo unha distancia de metro e medio respecto doutras persoas e hai moita xente que o fai», explicaba o venres a estradense. «Ata hai pouco se podía mesmo ir ao parque ou ás praias e, ao non traballar, moita xente ía, pero como se concentraban moitas persoas tiveron que pechar praias e parques», comenta.

«Nós vivimos nunha urbanización e non vemos o ambiente nas rúas, pero onte escribíame unha amiga galega que é científica e que tamén vive aquí e traballa desde casa que desde a fiestra vía un parque no que había xente ata con tumbonas», conta. «Dicíame: ‘Como estes americanos non toman vacacións, créense que isto son vacacións'», comenta.

«Creo que está a pasar un pouco o que pasou aí ao principio. Os primeiros días tamén foi a xente en masa aos supermercados. O papel hixiénico voaba e a auga esgotábase», explica.

Illados e tranquilos

«Nós estamos ben. Illados e tranquilos. Mentres non entre ninguén de fóra non vai haber problema. Estamos en contacto coa familia aí en España e tamén están todos ben, así que de momento non hai motivo para a preocupación», di.