O servizo de Atención Temperá reabre con 13 usuarios e 2 peticións

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

r. g.

Atende a menores de 0 a 6 anos con atrasos do desenvolvemento ou risco de padecelos

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Estrada retomou este martes o servizo de Atención Temperá, que a partir de agora será xa prestado de forma ininterrompida. A empresa Neuroburgas -contratada provisionalmente- asumirá a atención ata que se resolva o concurso que acaba de abrirse para a prestación do servizo.

O Centro de Atención Temperá conta neste momento con trece usuarios e ten en valoración outras dúas peticións de admisión. Á fronte do servizo están a terapeuta ocupacional Irene López Campos, a logopeda Uxía Silva García e a psicóloga Teresa Martín Barriga.

A atención préstase dous días por semana no piso social situado no edificio número 36 da Avenida de Benito Vigo: os martes e os xoves de 12.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas.

O servizo está dirixido a nenos de 0 a 6 anos con algún atraso no desenvolvemento ou risco de padecelo. É gratuíto, pero os usuarios han de chegar derivados desde Pediatría, co correspondente informe.

Segundo explican as profesionais que están á fronte do servizo, entre os usuarios actuais predominan os menores con algún trastorno do espectro autista (TEA) ou sospeita del ou con problemas da linguaxe. Neste último caso son habituais a dislalia -os problemas para pronunciar ben algún fonema, especialmente a «r»- ou o atraso xeral na adquisición da linguaxe. Tamén se tratan problemas de alimentación - por exemplo menores que rexeitan os alimentos sen triturar- e de conduta e casos nos que o neno necesita de estimulación.

Desde o centro inténtase traballar tanto cos menores como coas súas familias, xa que do que se trata é de que o que se fai nas sesións xeneralícese en todos os ámbitos da vida do menor para lograr unha maior efectividade. Ademais, a atención é moitas veces multidisciplinar, con colaboración das tres profesionais.