Rouban outra furgoneta na Estrada e localizan a de Apacaf en Burgos

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

17 feb 2020 . Actualizado ás 21:00 h.

A Estrada volveu a ser escenario doutro roubo a madrugada do luns. Os amigos do alleo levaron unha furgoneta que se atopaba estacionada na rúa Cañoteira, diante da vivenda do seu propietario, que non se decatou da súa falta ata que pola mañá saíu de casa disposto a collela e comprobou que non se achaba onde a deixou o día anterior. Trátase dunha Renault Kangoo de cor branca e de última xeración. Fora comprada hai dous meses e tiña apenas 9.000 quilómetros. A matrícula é 5830 KZG. Os propietarios, que na mañá do luns interpuxeron denuncia no cuartel da Garda Civil, agradecen calquera información sobre o paradoiro do vehículo. Iniciaron unha campaña nas redes sociais para tratar de localizar a furgoneta. Quen saiba algo respecto diso pode pórse en contacto cos donos no número de teléfono 626 798 975.

Vehículo adaptado

Por outra banda, o vehículo adaptado que a noite do sábado foi subtraído nas instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf) no lugar de Pereiro, na parroquia estradense de Berres, puido ser localizado e recuperado na provincia de Burgos.