Micropoemas con «cabelo» e microrrelatos con «amigo»

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

24 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A coordinadora de equipos de dinamización da lingua galega de todos os centros de Primaria e Secundaria da Estrada, Dinamizaestrada, presenta unha nova edición do seu concurso de microrrelatos e micropoemas para promover entre o alumnado a creación literaria en galego.

Nesta ocasión, a motivación para a creación dos textos parte de palabras pertencentes aos títulos das obras de Ricardo Carvalho Calero, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Froito da selección realizada polo alumnado e o profesorado dos centros, os microrrelatos -de non máis de 100 palabras- deben conter a palabra «amigo» e os micropoemas -de 2 a 8 versos en Primaria e de 4 a 8 no resto dos niveles- a palabra «cabelo». O prazo de presentación de traballos estará aberto ata o vindeiro 14 de febreiro.

Os textos premiados en todas as categorías e modalidades serán recollidos nun libro. Nel incluiranse tamén ilustracións realizadas polo alumnado de Infantil de todos os centros coa finalidade de favorecer a participación dos estudantes desta etapa.

O certame terá como peche a celebración no mes de maio, no Teatro Principal, da sétima edición da Festa das Palabras, unha cita literaria xa consolidada na Estrada que conta coa colaboración do Concello e na que se entregarán os premios aos gañadores do certame, apadriñados por un escritor ou escritora.

Dinamizaestrada agrupa os equipos de dinamización da lingua galega dos dez centros educativos públicos e concertados da Estrada. Desde hai sete anos promove actividades conxuntas para contribuír a reforzar o uso do galego entre os máis novos.

Máis información en proxectodelingua.blogspot.com.