A gran factoría do baile estradense

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

E. Cuiña

Sondodance cumpre vinte anos con máis de trescentos alumnos e unha galería de premios impresionante

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Todo empezou cunha historia de amor. A de Montse Barcala e Juan Carlos Romero. A ela gustáballe bailar. A el non tanto, pero deixouse levar e acabou metido de cabeza. Na cuadrilla coa que adoitaban saír, as mozas fixéronlle unha encerrona aos mozos. Apuntáronse en clases de baile e logo convencéronos eles para lanzarse á pista. «Despois das dúas primeiras clases eu dixen que non volvía. Sentíame patoso e ridículo», confesa Carlos. Por non deixar sen parella á súa noiva fixo un esforzo. «Se me din que ía acabar tendo unha escola de baile apostaría a cabeza a que non. Aquilo non entraba nos plans da miña vida», lembra.

Tres anos de sambas e rumbas despois, a parella entrou no mundo da competición. «Empezamos na Estrada cunhas clases que daba un grupo de Pontevedra, primeiro na sala de festas Lennon e despois no Hotel Milano. Ao ver que se nos daba ben nos propuxeron ir a clases en Santiago e empezar a competir», conta Montse.

O seu éxito deportivo tivo moito que ver coa aparición da escola de baile Sondodance. «Empezamos a dar clases para custear os gastos que nos supuña a nós o baile: as nosas clases, os traxes, as viaxes ás competicións....», lembra Montse. A parella chegou á categoría máis alta do ránking en bailes latinos e logo decidiu deixalo. «Mellor deixalo con gloria que con pena», chancea ela. «Os dous últimos anos iamos cada quince días a competir a Barcelona. Os domingos levantabámonos ás sete da mañá, colliamos un voo, competiamos e o luns regresabamos ás seis da mañá para ir traballar. Axudounos moito a mellorar, pero compaxinar o traballo, os adestramentos, as clases que dabamos e as competicións era unha tolemia», conta Montse. Ela traballa no rexistro da propiedade e el é funcionario da Consellería de Traballo. Medio día teñen traballo de oficina. O outro medio, a súa vida é puro baile.

Os prolegómenos de Sondodance se retrotraen aos anos 1998 e 1999. Montse e Carlos deron as súas primeiras clases en colexios e institutos. No 2000 comezaron a impartir baile no ximnasio Shaolin. Ese ano casaron e bailaron un vals de competición que deixou pampos aos invitados. Por aquel entón o alumnado quería pór nome á academia. Cunha tormenta de ideas, xurdiu Sondodance. E naceu a gran factoría do baile estradense. Dous anos no Shaolin, un no recinto feiral e un incremento progresivo de alumnos levaron á parella a abrir local propio na Travesía de Justo Martínez. Oferta e alumnos foron aumentando. A dinámica obrigou a estrear ademais fai tres anos o flamante local da rúa Gradín, Sondodance Studio, onde trasladáronse, entre outras, as clases de ballet que imparte Irene Gago.

A escola oferta clases de iniciación para nenos de 3 a 12 anos, danza clásica e moderna, baile social, break dance, zumba fitness e zumba gold, hipopresivos, line dance e baile deportivo. Nesta última disciplina, de Sondodance saíron grandes nomes do baile. Como Carlos Casal, campión de España na categoría xuvenil no 2000 xunto a Adriana Vieiro. Ou os míticos Luis Manuel García e Alba Martínez, «que foron 13 ou 14 veces campións galegos de bailes standard e oitavos a nivel nacional». Tamén Santiago Barreiro e Alicia Romero foron campións galegos «13 ou 14 veces» e Raúl García e a madrileña Ornella Riva conseguiron o terceiro posto nacional de bailes latinos en 2017 e 2019. A academia traballa cos mellores profesionais en cada campo. Miguel Abreu imparte periodicamente clases de bailes standard en Sondodance. En bailes latinos, Edgar Marcos e Alina Nowak -sétimos no ránking mundial e afincados en Italia- acoden cada mes e medio á Estrada a impartir clases maxistrais.

De 30 alumnos a 300

As exhibicións do San Paio son o gran escaparate de Sondodance e o mellor medidor do seu éxito social. «Na do 2000 participaron unha trintena de alumnos. Na das últimas festas polo escenario pasaron máis de 300 bailaríns», calcula Montse.

Este ano, para celebrar o vinte aniversario, Sondodance prepara unha exhibición de fin de curso especial. «Será A exhibición», subliña Carlos. «Intentaremos reunir ao maior número posible de antigos alumnos da escola e invitarlles a participar», avanzan.