O centro de día de Agadea estrea novas instalacións

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

A Estrada

XOAN A.ADOITAR

Funcionará en Salgueiriños e ofrecerá continuidade de coidados á súa oferta de estimulación

08 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O 3 de febreiro a Asociación Galega de Axuda a Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (Agadea) ten previsto abrir o seu centro de día de Santiago, na rúa Salgueiriños de Abaixo. Contará con 26 prazas e ofrecerá continuidade de coidados ás persoas que asisten aos dous servizos de estimulación con que conta na cidade. Previamente, o 20 e 21 deste mes, en horario de mañá e tarde, terá xornadas de portas abertas para explicar as novas instalacións a todas as persoas interesadas.

A presidente de Agadea, Isabel Gey, resalta a «especial relevancia» do novo dispositivo. Permitiralles «aumentar a cobertura dos servizos actuais e do número de persoas que se benefician deles», sostén. Agora conta cun servizo de estimulación terapéutica na casa das asociacións de benestar social, en Salgueiriños, ao que asistiron unha media de 49 persoas no ano 2018; e un servizo de estimulación cognitiva no Ensanche, que tivo unha media de asistencia de 24 persoas tamén no 2018, segundo datos da entidade.

Isabel Gey afirma que no novo centro exercerán especialistas de traballo social, terapia ocupacional, auxiliares, logopedia, fisioterapia e apoio de podoloxía. O persoal empezou xa a coñecer o funcionamento dos centros de Agadea para ofrecer no novo dispositivo «unha continuidade da nosa filosofía, modo de traballar e de dar servizo ás persoas con demencias e ás súas familias», di Gey.

Agadea fundouse hai 25 anos en Santiago. Agora está presente ademais en Ribeira, A Estrada, Vedra, Boiro e Teo.