A pista de patinaxe sobre xeo da Estrada roldará os 60.000 euros

Rocío García Martínez
rocío gARCÍA A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Sorteos, fío musical e personaxes infantís completan a campaña da Acoe

07 dic 2019 . Actualizado ás 21:11 h.

A campaña de Nadal da Asociación de Comerciantes da Estrada (Acoe) dará este ano un xiro radical. A aposta decidida por unha pista de patinaxe sobre xeo hipoteca a maior parte do orzamento do Nadal do colectivo, co que se impón o recorte de gastos noutras actividades habituais en anos anteriores.

Segundo explica o presidente da Acoe, Alfredo González, o custo da pista de patinaxe sobre xeo roldará os 60.000 euros. Será financiada ao 50 % co Concello da Estrada. Parte do gasto será recuperado, segundo a resposta dos estradenses a esta atracción. No entanto, de entrada a aposta obriga a prescindir doutras atraccións. Cae do programa, en primeiro lugar, o parque de atraccións do Nadal. González lembra que houbo anos que foi un éxito rotundo. Con todo, os problemas para conseguir do Concello permiso para un emprazamento céntrico e os condicionantes meteorolóxicos son dous elementos que xogaban en contra. «De máis de vinte días contratados houbo anos que, pola choiva, abriron cinco», lembra o presidente da Acoe. Neste sentido, a pista de patinaxe, que será cuberta, é un valor seguro.

A idea é que se abra ao público coincidindo co fin das vacacións escolares, o día 20, e que se manteña ata despois de Reyes. Estará na Praza do Concello. Media hora de diversión custará 5 euros, pero cos bonos de desconto que repartirán os comercios asociados á Acoe serán só tres.

Tamén se prescindirá este ano dos espectáculos de animación de rúa, como os patinadores led ou os zancudos con rinoceronte doutros anos.

A familia de «Frozen»

Manteranse, iso si, as saídas das mascotas da Acoe e programaranse as de varios personaxes infantís. Neste sentido, González avanza que percorrerán as rúas Ana, Elsa e Olaf -da película Frozen-, Bob Esponxa ou Mickey e Minnie.

Outras das renuncias para poder facer fronte á pista de xeo é a carroza da Acoe nos desfiles de Papá Noel ou dos Reis Magos, na que viñan investindo uns 3.000 euros.

A campaña da Acoe complementarase con sorteos de vales de compra entre os clientes do comercio asociado que decidan tomar parte nesta iniciativa. Nos últimos anos, a Acoe adoitaba repartir 2.000 euros en premios. Esta vez, a contía total aínda está pendente das adhesións de establecementos que se agarda poder pechar na semana que entra. A Acoe porá 500 euros para estes sorteos. A maiores, cada comercio que queira entrar na distribución de rifas entre a súa clientela terá que achegar outros 100.

Os comerciantes solicitarán cortes de rúas os días 23, 24, 30, 31 e do 3 ao 5 de xaneiro

Para facilitar as compras do Nadal e animar a estradenses e visitantes a tomar as rúas, a Acoe ten previsto solicitar ao Concello o corte ao tráfico das rúas Calvo Sotelo e Ulla os luns 23 e 30 e os martes 24 e 31, estes dous últimos coincidindo coa celebración das feiras especiais de Noiteboa e Fin de Ano.

Tamén se pedirá que as rúas estean liberadas para os peóns do venres 3 ao domingo 5 de xaneiro, coincidindo co repunte das compras agardado para os días previos a Reyes.

A animación da Acoe incluirá fío musical, que xa se estreou no Venres Meigo. A partir da próxima semana prever activar a megafonía, con música convencional. As panxoliñas reservaranse só para as dúas últimas semanas do mes.