Nace na Estrada a cooperativa ecolóxica máis ilusionante

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

Doce alumnos do IES García Barros botan a andar ECOAE como práctica real de emprendimiento en equipo

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda non remataron Secundaria e xa teñen unha cooperativa en marcha. Son doce alumnos de cuarto curso do IES Manuel García Barros da Estrada que elixiron a materia Iniciación á actividade emprendedora e empresarial e sen rematar sequera o primeiro trimestre xa contan cunha cooperativa oficialmente constituída que onte foi presentada oficialmente na Deputación e recibiu a súa NIF simbólico para poder seguir avanzando no proxecto.

A cooperativa leva por nome ECOAE (Ecoloxía A Estrada) e é un mérito compartido entre a profesora da materia, Raquel Carballo, o programa da Deputación Depoemprende na ESO e o ilusionado grupo de alumnos.

O equipo de traballo foi un dos dez seleccionados polo organismo provincial en oito centros de ESO pontevedreses para participar no programa de emprendimiento.

Segundo explica a profesora, Raquel Carballo, do que se trata é de fomentar o espírito emprendedor e o traballo en equipo entre o alumnado da materia, que ademais vivirá nas súas propias carnes as dificultades e as alegrías da posta en marcha dunha cooperativa.

Polo momento, os alumnos constituíron formalmente a cooperativa, concretaron o seu campo de acción e definiron o organigrama, coa repartición de cargos e funcións. Haberá encargados de compras, de vendas, de mercadotecnia ou de finanzas.

ECOAE será unha cooperativa que adquirirá produtos a empresas ecolóxicas ou socialmente responsables. Aínda está por decidir o produto, pero está claro que se potenciarán as relacións de proximidade, con provedores da zona. O seguinte paso será negociar con eles prezos e entregas para elaborar un catálogo de produtos que os estudantes acabarán tendo que promocionar e vender conseguindo sacar rendemento.

A cooperativa se autofinanciará. Cada alumno porá entre 5 e 10 euros. Dos beneficios que se agardan conseguir o 75 % serán para unha actividade dirixida ao grupo de escolares. O 25 % restante destinarase a unha oenegué. Neste caso, a elixida foi a estradense Palleiráns, que se dedica á defensa e protección de animais abandonados.

En canto a cooperativa empezo a rodar, fará prácticas de venda coas súas familias, no IES ou no mercado local, medíndose coa competencia. En maio, ECOAE acudirá a unha feira global xunto coas outras nove cooperativas provinciais que forman parte do programa Depoemprende na ESO. Todas elas participaron onte nun acto de presentación na Deputación no que se puxo de manifesto a necesidade de fomentar a cultura emprendedora e de eliminar as barreiras que impiden que as ideas culminen en proxectos.