O temporal cebouse coas árbores e deixou moitas pistas e viarias cortados

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

A Estrada

Cedida

Interromperon parte da circulación na N-640 en Silleda e na PO-841 na Estrada

14 novs 2019 . Actualizado ás 21:49 h.

Os fortes ventos e as intensas choivas de onte, pedrisco e neve tamén houbo, deixaron na zona unha gran cantidade de árbores caídas ou derrubadas que en moitos casos provocaron problemas nas estradas e pistas. Un deles interrompeu parcialmente o tráfico na mañá de onte na N-640, á altura do quilómetro 194 en Rellas (Silleda). Foi retirado polos Bombeiros. Emerxencias da Estrada encargouse de facer o mesmo con tres árbores que cortaban os dous carrís de ascenso en dirección á Estrada da PO-841 que une Santiago coa Estrada, á altura do paso elevado de Baloira.

Os Bombeiros retiraron outro en Bodaño (Vila de Cruces) pola mañá e pola tarde un en Moi, en Dozón; dous en Loño (Cruces), un deles estaba sobre o tendido eléctrico; outro en Cumeiro, outro en Laro e outro en Piloño. Unha lista á que se sumou a retirada dun de gran tamaño en Donramiro que caeu sobre un alpendre.

Emerxencias da Estrada sumou ás súas actuacións a retirada ás 12.30 de onte dun cable telefónico sobre a estrada EP-7001, á altura do cruzamento de Codeseda; ás 14.00 horas fixeron o mesma cunha árbore caído na estrada de San Andrés de Vexa a Requián . En Ribela cortaron outro no viario de Codeseda a Ribela, outro máis en San Andrés de Vexa, outro en Barbude que estaba amais dos cables de telefonía e do tendido eléctrico e outra na estrada de Santeles a Aguións. Unha xornada intensa que tamén tivo Emerxencias de Lalín con retiradas de árbores en Goiás fronte á farmacia, en Muimenta, a carballeira do Rodo, a carballeira de Donramiro, a estrada de Alperiz a Pedroso, Selo, o Paseo Pontiñas, Cercio e Mato. Todos eles, apuntan, eran bastante grandes e na maioría dos casos cortaban diversas pistas.

En Dozón o BNG pedía ao Concello máis medios despois de que os veciños chamasen pola mañá ao 112 solicitando a retirada dunha árbore que cortaba o acceso ao lugar e respondésenlle que tiña que ocuparse o Concello ao ser unha estrada municipal. Alegaban que o Concello tiña medios suficientes e máquinas novas para facer fronte a este tipo de avisos de forma inmediata. As brigadas da Deputación realizaron unha vintena de saídas por balsas de auga na calzada, inundacións, desprendementos de terra, pedras e caída de árbores na provincia. Actuaron na EP-7017 Callobre-Ponche Ledesma na Estrada; na EP-7005 Aguións-Santeles, tamén na Estrada, na EP-7204 Soutelo-Ratel en Forcarei e na EP-6404 Ferreirós-Ollares, en Vila de Cruces.

En Silleda queixábanse de cortes de luz nalgunha parroquia durante a mañá.

Cos termómetros en caída libre

Nos próximos días e case semanas, se se cumpren as previsións meteorolóxicas de Aemet, a auga non nos vai a dar ningún respiro. O prognóstico é do cento por cento de posibilidades de choiva a maior parte dos días. As temperaturas tampouco nos van a dar alegrías. Aínda que non chegaremos a cruzar a fronteira dos baixo cero, haberá que abrigarse e moito ante uns termómetros en caída libre. As previsións marcaban para onte en Lalín valores de tres graos de máxima e sete de mínima, segundo Aemet e para hoxe dan 2 graos de mínima e 6 de máxima. 2 de mínima e 7 de máxima mañá.

Tráfico requiriu a mantemento o uso de quitaneves e máquinas en Dozón e Rodeiro

Onte a Garda Civil de Tráfico daba pola mañá dous avisos ao 112 solicitando a actuación de mantemento de estradas para a limpeza da calzada por neve. Unha destas chamadas producíase ao redor das 9.30 horas requirindo esta actuación na PO-533 ao seu paso pola parroquia de Fafián, no municipio de Rodeiro, neste caso, na zona da subida ao Alto do Faro.

A este sumábase outro ás 10.15 horas para unha actuación na Nacional 525, á altura do punto quilométrico 274, no Alto de Santo Domingo, en Dozón.

En ambos os concellos a neve volveu deixar estampas con aire do Nadal, aínda que en Dozón, do mesmo xeito que noutros lugares da zona ao longo da xornada caeu tamén saraiba. A neve deixouse ver tamén noutras zonas como foi o Alto do Candán.

Os nove municipios das dúas comarcas están incluídas na lista de concellos galegos que a Meteogalicia cre que poden verse afectados o temporal.

Carabelo viuse obrigada a suspender as súas actividades

A asociación Carabelo viuse obrigada onte a suspender as actividades ata novo aviso por mor de filtracións de auga a través das luminarias. Operarios do Concello xa foron por alí de forma inmediata pero determinaron que é necesario realizar unha avaliación do tellado. Para levar a cabo as reparacións terase que agardar a que pare de chover. Non é a primeira vez que ocorre isto nas instalacións da agrupación. No 2018 por estas mesmas datas (naquel caso fose o 10 de novembro) a agrupación vísese obrigada tamén a suspender temporalmente as actividades tamén por un problema no tellado. Tamén naquela ocasión tiveron que agardar a que houbese uns días secos para que se puidesen facer as obras.