O Obradoiro Carlos Barruso arrinca con vocación de xestar unha big band

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

r. g.

Será un taller semanal de música moderna para intérpretes que xa tocan un instrumento

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Estrada acaba de abril o prazo de inscrición no Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, unha iniciativa municipal que dará continuidade á escola que o músico levaba dirixindo na Estrada unha década (Acome) e da que saíron grandes intérpretes.

A presentación do obradoiro correu onte a cargo do edil de Cultura, Juan Constenla, e do propio Carlos Barruso. Nela, quedaron claros os obxectivos do obradoiro. Trátase dun taller de periodicidade semanal dirixido a músicos cun certo nivel interpretativo. A súa actividade será complementaria ás da Escola de Música e o Conservatorio, xa que aquí non se recollerán alumnos de nova formación. En ningún caso ensinarase a tocar instrumentos nin se impartirán clases de iniciación. En cambio, para os músicos en formación, será unha excelente plataforma de mellora, tanto a nivel teórico como práctico. A proba son as traxectorias dos alumnos que ata agora pasaron por Acome, moitos dedicándose xa profesionalmente á música e todos preparados para superar probas de acceso a conservatorios superiores.

O novo obradoiro será acollido dentro das escolas municipais baixo o hospicio da Fundación Cultural Estradense e dará continuidade ao programa pedagóxico de Carlos Barruso. Terá unha duración de nove meses -do mesmo xeito que o resto das escolas municipais- e a súa programación desembocará en dous concertos: o primeiro sobre as datas do Nadal e o último a final de curso.

Os luns no Principal

As clases terán unha duración de dúas horas semanais e impartiranse os luns de 20.00 a 22.00 horas no Teatro Principal. Na primeira hora abordaranse aspectos máis teóricos, como harmonía moderna ou o uso de escalas e patróns rítmicos e melódicos. A segunda será práctica e nela os alumnos formarán un ou varios combos segundo niveis, aplicando os coñecementos teóricos.

As persoas interesadas en participar no obradoiro de música de moderna poden formalizar xa a súa inscrición no departamento de Cultura do Concello da Estrada. O custo da actividade será de 10 euros mensuais.

Coa formación deste obradoiro tamén se pretende conseguir a formación da Big Band Carlos Barruso, un obxectivo que lles fai especial ilusión aos antigos alumnos. Nela os impulsores queren recoller e dar cabida a todos os músicos estradenses, tanto clásicos como modernos, que estean dispostos a gozar a experiencia.