A Estrada destinará 20.000 euros a axudas de comedor e material escolar

La Voz

A Estrada

miguel souto

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Estrada aprobou na xunta de goberno deste luns as bases que regularán as axudas municipais de axuda á escolarización para o curso 2019-2020, destinadas tanto a alumnos de centros públicos como concertados. En canto as bases publíquense no boletín oficial, abrirase o prazo de solicitude.

O Concello dispón de 20.000 euros para estas axudas, destinadas a familias con poucos recursos. 13.000 serán para usuarios do servizo de comedor, tanto do segundo ciclo de Infantil como de Primaria ou Secundaria. Os 7.000 restantes destinaranse á adquisición de libros de texto e material escolar para o segundo ciclo de Infantil.

No caso das axudas para material escolar e libros de texto, a contía máxima a percibir será de 100 euros por alumno. En canto aos comedores escolares, as axudas cobren como mínimo o 30 % do gasto e como máximo o 100 %. Para os comedores, as bases inclúen unha mellora. Ata agora o gasto xustificábase en xuño, a final de curso, e as axudas cobrábanse cara a final de ano, unha vez rematado o curso. Agora haberá xustificacións trimestrais para poder ir cobrando xa as axudas ao longo do curso escolar.