A Xustiza investigou 346 mortes na área de Santiago no 2018

J. Gómez SANTIAGO / LA VOZ

A Estrada

PACO RODRÍGUEZ

A zona inclúe todos os municipios dos partidos xudiciais da Estrada e Lalín

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Instituto de Medicina Legal de Santiago investigou o ano pasado 346 mortes, por solicitude de xuíces, fiscalías e tribunais dos 46 municipios da área compostelá que atende (os partidos xudiciais de Santiago, A Estrada, Arzúa, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón e Ribeira). A maioría deses óbitos, 179, debéronse a causas naturais, e os 167 restantes a causas violentas. Foron 33 máis que o ano anterior.

É a segunda vez nos últimos anos que se repite esta circunstancia, pois no 2015 tamén investigou máis mortes naturais; entón 206, 40 máis que violentas. A directora da institución, Beatriz Otero, sinala que a morte violenta e a sospeitosa de criminalidade é o campo de actuación máis agardado do colectivo de forenses, pero a intervención en mortes naturais «non para de crecer. Moitas destas mortes son mortes súbitas que suceden de xeito brusco en persoas sas, sen antecedentes patolóxicos que xustifiquen tal acontecemento, o que as volve mortes sospeitosas; pero outras moitas, son mortes que suceden en persoas enfermas, con ou sen tratamento, de cuxas patoloxías son coñecedores os servizos médicos asistenciais, que deberían ser os encargados de certificar o falecemento e non desviar a morte a investigación xudicial, sen razón xustificada». Por iso, agrega, trabállase para emendar esta situación.

Das mortes violentas investigadas o último ano (unha máis que as 166 do 2017), unha foi por un homicidio, 46 por suicidios e 120 por accidentes.

As cifras de homicidios e suicidios son as máis baixas dos últimos anos. Desde o 2012, na zona compostelá do Imelga houbo un único homicidio tamén no 2014; e nos outros anos o máximo foron 5 no 2016. A casuística de suicidios é superior, pois chegou a acadar os 72 nos anos 2012 e 2016, polo que o descenso é notable, e é o segundo ano consecutivo que mellora o dato.

A causa da maioría das mortes violentas foron traumatismos, en 101 ocasións; seguidas de asfixias mecánicas en 54; intoxicacións en 7; lesións por arma de fogo en 3, e por reacción adversa de sustancias psicoactivas en 2.

O Imelga analiza os falecementos ocorridos en accidentes de tráfico, 22 o ano pasado, de quen 19 foron homes e 3 mulleres. Os datos dos últimos anos refiren que sempre perden a vida nestes accidentes máis homes, pero nunca a diferenza fora tanta. Foron en total 5 mortes menos respecto das 27 do ano 2017 e 10 menos se se compara coas 32 do 2016. No 2015 tamén investigou 22 falecidos en accidentes de circulación, e 19 no 2014.

A maioría das 22 vítimas mortais do ano pasado, 6, tiñan entre 40 e 44 anos. A máis nova, entre 10 e 14 anos; e as dúas de idades máis avanzadas, entre 80 e 84. Se se considera o grupo de idade de 0-29 anos, ambos inclusive, contabilízanse 5 falecementos (3 deles entre os 25 e 29 anos; e outro de 20 a 24, ademais do caso xa citado). Respecto de cando ocorreron esas mortes, 5 foron en decembro; 3 en outubro, e tamén en xullo, xuño e maio; dous en marzo; e unha en xaneiro, en agosto e setembro.

As 179 mortes investigadas por causas naturais (22 máis que no 2017) foron todas de persoas adultas; ningunha perinatal (o ano pasado foran 2 nesa etapa) nin infantil. As causas principais destes falecementos foron patoloxía cardiovascular, en 111 ocasións; respiratoria, en 21; ou neurolóxica en 8.