Corenta asinas reservaron xa espazo na Feira do Moble estradense

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

13 jul 2019 . Actualizado ás 21:05 h.

Corenta asinas dos sectores do moble, a decoración e os complementos xa formalizaron a reserva de espazo na XXXIIII Feira do Moble, que terá lugar na Estrada do 18 ao 22 de setembro. Entre elas figuran cinco locais, aínda que a Fundación de Exposicións e Congresos agardar confirmar en poucos días a presenza dalgún fabricante estradense máis. Tamén hai empresas de Lalín e Cuntis, así como varias portuguesas, que repiten tras a última edición do certame, xunto a outras de Valladolid , Alacante, Toledo, Cidade Real, Asturias e Biscaia.

Desde a Fundación de Exposicións e Congresos anunciaron tamén onte unha campaña de promoción da feira nas próximas semanas, na que se incidirá en que o público asistente poderá participar no sorteo do mobiliario completo dun apartamento. Está iniciativa promocional conta coa colaboración da Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada. Tamén está previsto o sorteo de estancias en casas de turismo rural da zona, co apoio da asociación Mar de Compostela, xunto con varias ceas, neste caso co patrocinio do Asador de Leo.