A oferta de ciclos formativos para o novo curso incluirá 557 prazas

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

A Estrada

Cedida

O instituto Losada Diéguez é o único dos cinco da zona con cambios en FP

21 jun 2019 . Actualizado ás 22:16 h.

A Consellería de Educación daba a coñecer onte a oferta de ciclos formativos para o curso 2019-2020, que en Deza e Tabeirós-Terra de Montes tan só levará aparellados cambios nun dos centros que imparten Formación Profesional. No instituto plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada decidiuse suprimir no réxime ordinario presencial o ciclo de Servizos Administrativos. Mentres, incorpora dous novos: Informática de Oficina e Carpintaría e Moble. Mentres, os outros catro centros con FP da zona manterá a súa oferta académica.

En total ofertaranse 557 prazas en réxime ordinario nas comarcas, tanto en grao básico, medio ou superior. A maior oferta corresponde precisamente ao Losada Diéguez estradense, cun total de 210. Delas, en grao básico serán 54, repartidas de forma equitativa entre Carpintaría e Moble, Informática de Oficina e Mantenemento de Vehículos, cada un deses ciclos con 18. En grao medio conta co maior número de prazas, 126, que se distribúen do seguinte xeito: Carpintaría e Moble, 22; Electromecánica de Vehículos Automóbiles, 22; Emerxencias e Protección Civil, 30; Instalancións e Telecomunicacións, 22; e Sistemas Microinformáticos e Redes, 30 prazas. Para rematar, en grao superior o centro estradense conta con 30 prazas en Administración e Finanzas.

En Lalín hai ciclos formativos nos seus dous institutos, sumando entre ambos os 212. A maioría, con 134, corresponde ao Laxeiro. Delas, en grao básico hai 18 en Electricidade, mentres no medio ofértanse 22 en Electromecánica de Vehículos Automóbiles; 22 en Instalacións Eléctricas e Automáticas; e 30 en Xestión Administrativa. Para rematar, no grao superior, cóntase con 30 prazas en Administración e Finanzas e 22 en Mecatrónica Industrial. No caso do IES Ramón María Aller suman un total de 78. Delas, en grao básico ofértanse 18 prazas en Informática de Oficina; no medio, 30 de Sistemas Microinformáticos e Redes; e 30 tamén en Desenvolvemento de Aplicacións Web.

Pola súa banda, no instituto Pintor Comeiro de Silleda a oferta de ciclos formativos para o próximo curso inclúe 70 prazas. Delas, 18 son en grao básico para Servizos Comerciais, mentres no medio cóntase con 22 en Condución de Actividadesa Físico-Deportivas non Medio Natural e 30, para rematar, no superior en Xestión de Vendas e Espazos Comerciais.

IES de Vila de Cruces

O último centro con oferta de Formación Profesional nas comarcas é o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. No seu caso conta con 65 prazas en total. Delas, 18 corresponden ao ciclo de Servizos Administrativos en grao básico, mentres no medio hai 25 para Atención a Persoas en Situación de Dependencia e 22 para Soldadura e Caldeiraría.

Nas comarcas carécese un ano máis desta opción

Nas comarcas carecerase de novo para o próximo curso académica de oferta de Formación Profesional Dual. Na provincia de Pontevedra serán un total de 178 prazas, 106 en grao medio e 72 no superior. Como novidade figura a incorporación de once novos proxectos de FP Dual, que se desenvolverán en centros de Vigo, Pontevedra, A Guarda, Valga e Vilagarcía de Arousa, segundo daba a coñecer onte a Consellería de Educación. En todos eles se conta con polo menos unha empresa vinculada.

A reserva para os posibles admitidos comezará o vindeiro luns

Este próximo luns, día 24, comezará o prazo de presentación de solicitudes dentro do proceso de admisión para os ciclos formativos e módulos de formación profesional nos cinco institutos de Deza e Tabeirós onde se imparten. Se no curso 2018-2019 non se variou a oferta na zona, nesta ocasión a consellería introduciu cambios xa citados no centro Antón Losada Diéguez da Estrada. O día 2 de xullo concluirá o período para presentar solicitudes, abríndose un prazo de reclamacións sobre a lista provisional de admitidos, coñecéndose a definitiva uns días despois, cando comezará a matriculación dos alumnos.

Novidades no Losada

Os ciclos de Formación Profesional básica están dirixidos a mozas que non rematan a ESO e que, con este sistema, teñen unha segunda oportunidade para sacar o título de Secundaria á vez que se preparan para poder acceder a un ciclo medio de FP. No caso do instituto Antón Losada Diéguez da Estrada cóntase con dous novos, o de Carpintería e Moble e o de Informática de Oficina.

A consecución do ciclo de FP básica de Carpintería era unha das metas que tiña a dirección do centro estradense, para captar alumnos para potenciar o ciclo medio de Carpintería, con escasa matrícula a pesar da alta demanda de carpinteiros nas industrias de toda a zona. A outra meta é conseguir tamén o ciclo superior de Carpintería para pechar a roda, pero para iso será preciso primeiro lograr a ampliación das instalacións por parte da consellería, que xa está proxectada.