O cuntiense Pedro Abal incorporarase á Policía Local estradense

La Voz

A Estrada

MARCOS MÍGUEZ

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada acolleu onte o acto de elección de praza do primeiro proceso unitario de selección de policías locais levado a cabo pola Xunta. As 38 persoas seleccionadas nas oposicións conxuntas elixiron, por estrita orde de puntuación, unha das prazas ofertadas nos 23 concellos que delegaron o ano pasado o proceso selectivo para esta categoría. Entre estes concellos atópase o da Estrada, que cubrirá unha praza de policía. Ocuparaa o cuntiense Pedro Abal López, que algunha vez xa estivo a traballar como auxiliar no persoal. O Concello nomearao agora funcionario en prácticas e o 22 de abril incorporarase ao curso lectivo da Agasp, xunto cos outros 37 aprobados no proceso selectivo centralizado a nivel galego e cos outros aspirantes que resultaron aptos nos concellos que levaron a cabo os seus propios procesos. Desta forma, o novo curso formativo será o máis numeroso da academia e superará os 100 alumnos. Tras o curso, os alumnos integraranse nos respectivos persoais definitivamente.