Silleda lidera a renda bruta por habitante con 12.129 euros, por 11.754 A Estrada

La Voz

A Estrada

MIGUEL SOUTO

23 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños de Silleda son os que gozan dunha maior renda bruta dispoñible, con 12.129 euros no 2016. O Instituto Galego de Estatística (IGE) daba a coñecer onte os datos relativos a este parámetro económico correspondentes e a ese ano. Tras os silledenses, situáronse os habitantes da Estrada con 11.7564 euros de renda bruta dispoñible, mentres no terceiro lugar figura Lalín con 10.940.

En Vila de Cruces a renda por veciño situouse no 2016 en 10.813 euros, fronte aos 10.525 de Forcarei e os 9.413 de Agolada. Na parte baixa xa das comarcas están Rodeiro con 8.907 euros, Dozón con 7.821 e Cerdedo con 7.627 euros.

Escaso impacto da crise

O informe do IGE permite tamén constatar que coa crise e tomando o 2008 como o ano a comparar co 2016 apenas houbo cambios na renda bruta dispoñible por habitante nas comarcas. No caso de Deza, subiu moi lixeiramente, desde os 14.015 euros a 14.019, mentres Tabeirós-Terra de Montes caeu, desde loas 11.561 aos 11.264 euros de media.

En canto á comparativa por municipios, o documento recolle que subiu esa renda dispoñible tan só en Agolada, de 9.373 a 9.413 euros entre o 2008 e o 2016, así como en Cerdedo, de 7.589 a 7.627. No resto produciuse unha caída de diñeiro a xestionar por cada habitante. En Lalín baixouse de 12.157 a 10.940 euros; na Estrada, de 12.142 a 11.754; en Silleda, de 12.768 a 12.129; en Vila de Cruces, de 10.895 a 10.813; en Forcarei, de 10.700 a 10.525; en Rodeiro, de 10.358 a 8.907; e en Dozón, de 9.624 a 7.821 euros.