Irmandinhas pretenden dar a sorpresa no derbi comarcal

j. b. A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Cedida

Herdeiras de Dhais acoden invictas á Estrada e como favoritas

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A xornada na Liga Galega de Fútbol Gaélico Feminina depara un interesante derbi hoxe (18.00 horas, campo municipal Manuel Regueiro) na Estrada entre as Irmandinhas e Herdeiras de Dhais de Lalín. As segundas parten como claras favoritas á vitoria, mantendo así a súa imbatibilidade na competición, onde marchan líderes con catro puntos de vantaxe sobre Estrela Vermelha, aínda que as compostelás teñen un partido menos. As estradenses están quintas nas clasificación, con tres vitorias e outras tantas derrotas, polo pleno de sete de Herdeiras. Tocaralles ás locais asinar un gran partido se queren sacar algo positivo ante as dezanas, cunha gran dinámica tanto de xogo como de resultados.

Sen deixar o fútbol gaélico aínda que agora en categoría masculina, os dous equipos estradenses teñen partido esta fin# de semana. O Irmandinhos xogará mañá domingo en Santiago (19.30 horas, campo das Cancelas) ante o filial do Estrela Vermelha. En principio o Estrela Gaels non debería xerar problemas aos estradenses para sumar dous novos puntos e continuar como líderes invictos da competición, onde sumaron por triunfos os seus once partidos e marchan invictos. Os locais ocupan a décima praza con tan só tres encontros gañados mentres caeron sete.

Braithreachas-Cambados

O filial do Irmandinhos, o Braitreachas, xogará hoxe en casa (19.00 horas, campo municipal Manuel Regueiro) ante o Cambados. Un rival complicado para os estradenses que lles obrigará a dar o máximo se quere quedar cos dous puntos aínda que en principio parten como favoritos. Os locais ocupan a oitava praza con oito puntos, tras gañar catro dos seus once encontros, mentres os cambadeses están duodécimos con só catro ao imporse só en dous partidos da competición.

A xornada na Liga Galega de Fútbol Gaélico en categoría masculina péchao o choque hoxe (20.30 horas, campo municipal Manuel Anxo Cortizo) entre Herdeiros de Dhais e Dorna. O conxunto lalinense marcha quinto na clasificación con trece puntos, dez máis que o seu rival que só leva tres e marcha penúltimo na táboa. En principio os roxinegros salvo sorpresa levarán o triunfo.