Aproban habilitar unha base do 061 anexa ao centro de saúde da Estrada

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

O novo edificio non a contemplaba, pero Xunta e Concello buscarán opcións

07 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Parlamento galego aprobou por unanimidade que se habilite unha base do 061 anexa ao novo centro de saúde que se constrúe na Estrada, o que permitirá mellorar o tempo de resposta ante urxencias de carácter grave. A proposición, presentada por En Marea, puido saír adiante co apoio de todos os grupos tras transaccionar unha emenda do PP que matizaba que Xunta e Concello deberán traballar conxuntamente na procura de solucións para dar encaixe á base do 061 no novo edificio, que de entrada non contemplaba esta posibilidade.

Desde o momento no que se anunciou a construción dun novo centro de saúde na Estrada, os técnicos de urxencias sanitarias que traballan na localidade viron a oportunidade de gañar uns minutos vitais no tempo de resposta ante casos de gravidade extrema. Nun episodio de gravidade, os técnicos deben pasar polo PAC a recoller ao persoal médico antes de acudir a prestar asistencia. Se a base da ambulancia estivese anexa ao PAC, os técnicos entenden que se poderían gañar ata 15 minutos que poderían ser a diferenza entre salvar unha vida ou non facelo.

Os técnicos reuníronse con sindicatos, asociacións profesionais, responsables do centro médico, goberno e oposición para trasladarlles a súa inquietude. Ata agora, ninguén lles quitou a razón, pero en cambio as obras continuaban a bo ritmo sen prever esta posibilidade.

O punto de inflexión deuse coa visita ás obras do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o 22 de xaneiro. Días antes, nunha resposta a unha pregunta escrita de En Marea, o PP respondía sen máis que non estaba prevista a creación dunha base do 061 no centro médico. Con todo, respondendo a unha cuestión exposta polos medios, o conselleiro non descartou a creación da base, indicou que nalgúns centros se está habilitando e prometeu analizar o caso. Os técnicos, pola súa banda, lanzaron unha última invitación á reflexión para sopesar unha decisión que podería custar vidas. E parece que houbo tal reflexión, porque o Parlamento acaba de aprobar por unanimidade unha proposición na que se insta á Xunta e ao Concello a situar a base da ambulancia nunha zona anexa ao novo centro de saúde.

A deputada popular, Encarna Amigo, indicou que «non se contempla un espazo anexo a estas novas instalacións sanitarias que poida acoller a base da ambulancia do 061, polo que consideramos necesario que Xunta e Concello analicen as posibilidades existentes para habilitar estas instalacións». Amigo explicou que, por norma, a base da ambulancia sitúase no mesmo edificio que o centro de saúde «sempre que o centro dispoña de espazo suficiente e non interfira coa labor asistencial do mesmo». «De non poder ser así, búscase a localización máis preta posible ao centro de saúde», aclarou.

Facendo oco á base

Na Estrada, a base actual do 061 está na Rúa do Matadoiro, preto do novo centro de saúde. No entanto, os técnicos lembran que as empresas subcontratadas para a prestación do servizo cambian e as bases tamén, polo que a mellor garantía é unha base fixa anexa ao centro de saúde. Desde o grupo parlamentario do PP subliñan que a base actual está «a cinco minutos do centro de saúde» pero recoñecen que «estaría mellor a carón destas novas instalacións». Por iso, demandan «que Xunta e Concello valoren a posibilidade de habilitar o espazo necesario».

O CIAE-112 estradenses poderá recibir imaxes en tempo real das urxencias

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112), con base na Estrada, foi obxecto durante o último ano de diversas melloras tecnolóxicas na súa sala de crise. Grazas á aposta polas últimas tecnoloxías de comunicación e seguimento de medios, na sala poderanse recibir imaxes en tempo real do lugar da urxencia ou dos distintos postos de mando avanzados.

Estes avances foron detallados polo novo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que onte compareceu na Cámara galega para explicar as melloras levadas a cabo no CIAE-112 desde a súa posta en funcionamento no ano 2017.

Santiago Villanueva destacou ademais a creación dunha plataforma de xestión de incendios forestais que permite axilizar, planificar e atender de forma máis eficiente as urxencias relacionadas con incendios que evolucionen a situacións desfavorables.

Outra das melloras levadas a acabo durante o 2018 foi o establecemento da prioridade das chamadas dos alcaldes e alcaldesas, que teñen acceso directo á sección Enlace do CIAE-112. Con esta medida evítanse posibles tempos de espera e facilítase a comunicación coa autoridade responsable de Protección Civil a través dos concellos.

Así mesmo, implantouse o protocolo E-Call para dar resposta aos vehículos que contan con este sistema de alerta de urxencias e mellorouse o servizo do 112 aos usuarios con discapacidade auditiva.