A pedra picada na Praza do Concello se reaprovechará como recheo para a obra

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

O plan de traballo prevé acabar primeiro as obras da praza para poder reabrila mentres se rematan os xardíns

21 ene 2019 . Actualizado ás 19:15 h.

Nin se botará ao vertedoiro nin se aproveitará para ningunha chapuza doméstica. As predicións da rúa non acertan. A montaña de pedra que conforma o vello pavimento retirado da Praza do Concello da Estrada será reutilizada na propia obra, como recheo que servirá de base ás novas prazas de formigón puído que articularán os reformados xardíns municipais.

O alcalde estradense, José López, reuniuse cos responsables da empresa que executa as obras -Copcisa- para facer seguimento da súa evolución. Segundo explica López, a obra xa acadou a súa cota de nivel definitiva e agora avanzará coa execución dos recheos pertinentes e a instalación dos servizos.

A pedra picada na praza será triturada e reutilizada. «Unha das cuestións que se tivo en conta á hora de adxudicar os traballos foi o tema dos residuos. Esta é unha obra con residuos cero. O que se sacou vaise a valorizar para facer pavimentos duros. A empresa está pendente de que chegue unha máquina especial que tritura e valoriza o material, utilizándoo para o firme das prazas», explica López.

As seguintes fases da obra serán a apertura de gabias para a instalación dos servizos -como rega e iluminación- e o recheo previo ao comezo da parte construtiva propiamente dita.

Segundo acordaron o Concello e a empresa Copcisa, as obras de construción comezarán pola Praza do Concello e irán avanzando cara á rúa Castelao. A idea é que a praza se remate antes que os xardíns e poida reabrirse ao público mentres proseguen o resto das obras. No entanto, non hai previsión aínda de cando podería estar lista para a reapertura.

Probas de formigón

Esta semana está previsto realizar probas de pavimentación nos xardíns para elixir o tipo e acabado máis conveniente. En principio, o proxecto apostaba por formigón puído branco. No entanto, analizaranse distintas solucións. O único que está claro é que será o mesmo pavimento para todo o conxunto. «Buscamos un pavimento duradeiro, que proporcione unha estética uniforme e con bo mantemento. A praza ten que ser disfrutable, que teña vida e uso», di o alcalde. O pavimentado podería afrontarse en febreiro.