A emigración feita espectáculo no Principal

r. g. A Estrada

A Estrada

R. G.

O grupo Ximiela estrea este sábado na Estrada a súa peza «Raigame», baseada en historias reais

21 ene 2019 . Actualizado ás 19:17 h.

A Asociación Folclórica Ximiela, de Louro (Muros), estreará este sábado no Teatro Principal da Estrada o seu espectáculo Raigame, unha proposta escénica que combina música e baile tradicional con teatro e que vira en torno ao tema da emigración. 

Segundo explica Pablo Seoane, un dos integrantes do grupo, leste é o terceiro espectáculo etnográfico asinado por Ximiela. Raigame conta coa participación de 64 persoas, sumando bailaríns, gaiteiros, actores e técnicos de luz e son. O espectáculo -de hora e media de duración- articúlase ao redor de dezasete escenas nas que se mostra a crueza da emigración e as relacións epistolares que implicou no seu día. Neste caso, tócase o tema da emigración a Arxentina de principios do século XX, tomando como base unha pequena investigación realizada polo grupo na súa contorna máis próxima. Cartas e testemuños de familiares e achegados deron corpo a esta proposta a medio camiño entre ficción e realidade na que afloran os sentimentos.

O espectáculo será este sábado 26 ás 20.30 horas no Teatro Principal. As entradas (6 euros) pódense adquirir na venda anticipada no departamento de Cultura do Concello ou no despacho de billetes, unha hora antes do espectáculo. A venda vai a bo ritmo.