O 112 xestionou 970.000 chamadas e atendeu 230.000 incidencias no 2018

A Estrada

miguel souto

Ao redor de seiscentas persoas visitaron as instalacións situadas na Estrada

19 ene 2019 . Actualizado ás 13:16 h.

O servizo do 112 Galicia atendeu case 970.000 chamadas vinculadas a urxencias durante o pasado ano, ademais de facer fronte a un total de 230.000 incidencias. Estas situacións implicaron mobilizar desde bombeiros a grupos de intervención e urxencias, xunto con voluntarios de Protección Civil, axentes de seguridade e profesionais sanitarios, xunto con persoal de mantemento e limpeza de estradas. En concreto actuaron en 390.000 ocasións.

A maior parte das 230.000 incidencias xestionadas no 2018, en concreto o 31 %, estiveron relacionadas coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, rescates e accións de Protección Civil. Mentres, o 30 % corresponderon a asistencia sanitaria; un 16 % por avisos de animais soltos que supuñan perigo para a circulación e a aparición de niños de avespas velutinas; un 13,5 % por seguridade cidadá; e un 9,5 % en accidentes en estradas.

Desde o 112 Galicia colaborouse ademais este pasado exercicio nun total de 214 simulacros para que a cidadanía se familiacire cos sistemas de aviso e as medidas de autoprotección ante casos de urxencias graves ou catástrofes. A maioría foron na provincia da Coruña, con 137, fronte aos 49 de Ponteved4ra, 18 de Ourense e 10 de Lugo. Por outra banda, a páxina web www.axega112.org, recibiu 1,2 millóns de consultadas e as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia da Estrada recibiu a preto de seiscentas persoas nas súas instalacións. Visitas que incluíron desde escolares a colectivos sociais e profesionais a membros de organismos públicos de Galicia e Portugal, xunto con efectivos do Exército e doutros 112 de países europeos.