Demandan preservar a pasarela-acueducto de Pina

j. b. A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Cedida

A estrutura metálica da antiga fábrica de luz corre o risco de derrubarse, cun alicerce moi afectado

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O patrimonio industrial está ameazado polo abandono ou o desinterese de distintas Administracións sobre os seus atractivos como elemento dinamizador do turismo. Instalacións como a antiga fábrica para producir electricidade en Pina, na Estrada, supuxeron a construción de elementos a conservar como o acueducto sobre as augas do río Liñares. Distintas voces lanzaban onte a alerta dado a súa deterioración, cun dos seus alicerces en risco de derrumbe ao faltar xa dúas pedras da súa base.

Demandan a súa restauración, incidindo tamén en que a estrutura metálica da pasarela-acueducto perdeu xa varias das súas vigas que comunican coa parte de Barbude. Outras, din, están a piques de vir abaixo e, ao estar unidas, cando se produza ese feito arrastrarán tamén consigo aos dous alicerces sobre os que se asenta a citada estrutura. Desa forma perderíase xa de forma irremediable este acueducto que conta cun século aproximadamente de vida.

Na actualidade esa instalación pertence a Augas de Galicia, xunto coa parcela e o resto das construcións levantadas no seu momento para a minicentral hidroeléctrica de Pina. Ese complexo industrial foi acometido polo construtor estradense Porto Verdura, quen tamén levantou o emblemático edificio da Farola no centro urbano estradense. O complexo estivo en mans de Unión Fenosa ata a caducidade da concesión no 2000, momento en que pasou a Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta.