A San Silvestre da Estrada reccogerá alimentos para Cáritas

j. b. A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Cedida

A proba será o día 31 e agárdanse superar os 700 quilos

11 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A San Silvestre 2018 terá de novo carácter solidario na Estrada. Os atletas inscritos deberán achegar alimentos non perecedoiros ao recoller os seus dorsais, que se destinarán a Cáritas. O edil de Deportes, Ismael Pena, xunto a Lourdes Tejedor e José Manuel Vázquez, da entidade parroquial, presentaron onte o programa de actos do día 31 na oitava edición desta carreira de carácter lúdico.

A inscrición pódese formalizar ata o día 28 de forma gratuíta na páxina web www.emesports.é. Ao retirar os dorsais para a proba, que comezará ás 16.00 horas, será obrigatorio entregar produtos non perecedoiros que o Concello despois entregará a Cáritas Parroquial. Haberá dous circuítos en función das diferentes categorías, un de 100 metros para pitufos e nados desde o 2013; e outro de 800 metros para o resto, ao que os nados entre o 2005 e o 2012 darán unha volta, mentres o resto o farán dúas veces. Haberá saída e chegada na Praza do Concello.

José Manuel Vázquez mostrou a súa confianza en que este ano se poida superar a recadación do 2017, onde se lograron ao redor de 700 quilogramos de produtos non perecedoiros. A San Silvestre enmárcase entre as iniciativas promovidas por Cáritas dentro da Operación Quilo. Pídense alimentos como aceite, galletas, cacao, legumes e conservas. Animou aos participantes a competir de forma lúdica na carreira e a ser solidarios. Ao termo da proba o Concello sorteará agasallos entre todos os participantes, ademais de ofrecer chocolate. E haberá premio ao disfrace máis orixinal e ao grupo numeroso co mesmo disfrace.