A escola infantil da Baiuca ganas o premio de arquitectura Gran de Area

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

COAG

O edificio en madeira fai unha chiscadela á tradición carpinteira estradense

23 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O edificio que alberga a escola infantil da Estrada -estreada este curso e situada na zona da Baiuca- acaba de ser galardoado co premio Gran de Area de Achega á Arquitectura 2018. O recoñecemento é concedido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ás obras que, pola súa escala e o seu carácter responsable, contribúen a mellorar a contorna e a crear cultura arquitectónica.

Á convocatoria -realizada polas delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do COAG- concorreron 56 proxectos. Entre eles o xurado seleccionou doce de toda a zona sur de Galicia entre os que se fixo oco o estradense, dos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso (Abalo Alonso Arquitectos) e Francisco González Varela.

En terra de carpinteiros, os arquitectos decidiron apostar pola madeira como material principal para levantar un edificio singular que está recibindo moitas visitas polo seu carácter innovador. Ao atoparse no límite entre o centro urbano e a zona rural e coas antigas instalacións industriais presentes na memoria colectiva, e mesmo fisicamente nalgún caso, os autores deseñaron un edificio que fai referencia a esa realidade á vez que xoga a compor a base de volumes case infantís que unidos lembran ás pequenas casas das rúas dos barrios próximos.

Todas as estancias teñen luz natural directa e a orientación aos catro ventos favorece a ventilación natural. A madeira confire un aire de calidez ao interior que o fai moi acolledor.