As obras de Fernando Conde reforzarán a deficiente iluminación desta avenida

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Os traballos comezarán o día 5 no tramo central da rúa

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde da Estrada, José López, avanza que un dos principais cambios que suporá a humanización da Avenida Fernando Conde será a mellora da deficiente iluminación pública do viario. Non haberá incremento de puntos de luz, pero si cambios na súa disposición e no sistema orientados ao aforro enerxético e a consecución dunha maior luminosidade. Na actualidade, boa parte dos elementos de iluminación están enganchados nas fachadas dos edificios. Outros son farois colocados en metade da beirarrúa, dificultando o tránsito das persoas con mobilidade reducida. O novo proxecto contempla a instalación de 38 novos báculos de oito metros de altura. Colocaranse nos mordentes das beirarrúas, que no resto das zonas acadarán os catro metros de ancho. José López cre que a renovación na iluminación por si soa suporá un importante cambio estético nesta rúa.

O Concello asinou onte con Covsa o contrato para a realización das obras. A empresa ten agora un máximo de 30 días para rubricar a acta de reformulo e iniciar os traballos. No entanto, Covsa comprometeuse a empezar as obras o luns 5 de novembro, se non se presentan contratempos. O prazo de execución está fixado nun máximo de cinco meses.

Segundo avanza o alcalde estradense, as obras comezarán polo tramo central da avenida, o que concentrará o groso dos traballos. Neste tramo de 600 metros situado entre a primeira Travesía de Fernando Conde -onde está Alimentación Villabrasil- ata a estrada de acceso á praia fluvial renovaranse os servizos de abastecemento, saneamento e recollida de pluviais, que no resto da rúa habíanse mellorado en actuacións anteriores. Neste tramo máis estreito do viario construiranse tamén novas beirarrúas. Contarán con mordentes nos que, na marxe esquerda en sentido descendente, habilitaranse prazas de aparcadoiro. Mentres, no dereito prohibirase aparcar. No tramo final da Avenida na súa ligazón coas Colonias estudarase se permitir ou non o estacionamento a ambos os dous lados, segundo indicou onte López.

O proxecto prevé tamén a colocación de 40 bancos, 20 papeleiras e 20 xardineiras.