A cita estradense espera hoxe e mañá o seu tope de visitantes

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

O showcooking ofrecido por Pepe Solla dará a substitución a outra demostración a cargo do chef Alberto Lareo, do restaurante Manso

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Feira do Moble de Galicia encara hoxe a súa recta final co afán de rexistrar durante a fin de semana a maior afluencia de visitantes, segundo comenta o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey .

Na xornada de onte, a cociña e a cultura foron as protagonistas. O chef Pepe Solla compartiu os seus consellos de cociña e a súa simpatía cun bo puñado de visitantes que seguiron de preto o showcooking celebrado na caseta da firma Corral e Couto.

Pola súa banda, o xornalista e profesor de Comunicaicón Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Fernando Redondo Neira, acudiu ao recinto feiral para recoller o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela polo seu artigo Derivas e encrucilladas do Novo Cinema Galego, publicado en revístaa Tempos Novos. Ademais do gañador, tamén foron protagonistas do acto o edil de Cultura da Estrada, Juan Constenla; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal; as integrantes do Coro Parroquial de San Miguel de Castro, que realizaron a descrición do doutor Reimóndez Portela e a ofrenda floral ante o monólito que perpetúa a súa memoria; a profesora de Literatura Galega da USC Dolores Vilavedra Fernández, que presentou o acto, e os familiares e amigos de Reimóndez Portela. O secretario de Política Lingüística incidiu na importancia dun galardón de promove o galego no ámbito xornalístico, «onde aínda queda camiño por andar».

Showcooking con Alberto Lareo

Na xornada de hoxe, a cociña volverá ser protagonista. O cociñeiro Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, ofrecerá un showcooking ás 18.30 horas na caseta de Mucarce. Ademais, ás 12.00 horas, Ana Alzate, da Consellería de Cultura e Educación e Montserrat Rodríguez (CIS Madeira) presentarán o proxecto Erasmus+ FUTUREfacing.

Piden un ciclo de FP básico da Madeira e outro superior para A Estrada

O portavoz de En Marea, Luís Villares , defendeu onte durante a súa visita á Feira do Moble de Galicia a necesidade de apostar pola formación para adaptala ás necesidades e á realidade do sector do moble.

Antes de percorrer o recinto feiral, Villares achegouse aos talleres contiguos nos que o IES Antón Losada imparte a formación práctica do ciclo medio de FP de Carpintería e Moble. No transcurso da charla con profesores e alumnos saíron a relucir varios paradoxos. Nas empresas locais do sector existe unha importante demanda de profesionais cualificados. No entanto, e a pesar dos índices xerais de desemprego, a matrícula no ciclo da madeira e o moble segue sendo baixa.

Por outra banda, o IES Antón Losada Diéguez estrea este ano a modalidade de formación dual para os alumnos do segundo curso do ciclo de Carpintería e Moble, que desde xaneiro ata xuño completarán a súa formación con prácticas remuneradas nunha empresa. Curiosamente, en plena capital do moble, as prácticas realizaranas na firma de Boqueixón Cociñas Santos. Desde o centro indican que se abriron negociacións con algunha empresa local que finalmente non frutificaron. No entanto, de cara a próximos cursos seguirase traballando nesta liña.

Outro dos problemas que afecta o ciclo é o do transporte. Estudantes de municipios limítrofes mostraron interese por matricularse no ciclo do IES Antón Losada Diéguez, pero carecen de transporte escolar para poder chegar ao centro.

No encontro falouse tamén da pertinencia de completar a formación ofertada na Estrada implantando novos ciclos da familia de Madeira e Moble. Na actualidade impártese un ciclo medio, pero desde o centro creen conveniente poder ofertar tamén un básico e outro superior.

Na súa visita aos talleres, Villares estivo acompañado polo deputado Francisco Casal, a portavoz de Móvete, Mar Blanco , e o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey .

O portavoz de En Marea destacou que «o futuro do sector do moble está inmerso nun proceso de modernización e, polo tanto, no se pode deixar á marxe da formación». «É necesario que a Formación Profesional inclúa tamén a básica para captar alumnado para o ciclo medio, que é o que se está a dar neste momento, e tamén, con vocación de futuro, unha FP superior», dixo.

Traballadores cualificados

«O que se busca é que se forme unha man de obra cualificada para atender ás necesidades do sector, que pasan polo proceso de modernización e precisan polo tanto traballadores e traballadoras cualificadas», comentou Villares .

Pola súa banda, Mar Blanco comentou que o ciclo da madeira da Estrada debe ser un referente en Galicia e facilitar unha formación que sexa «a cimentación do sector do moble» e que ademais contribúa a rebaixar as taxas de paro locais.