O fútbol feminino vale por dous, con Atlético Estrada e SD Bandeira en liza

Javier Benito
javier benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Cedida

Este domingo debuta a SD Bandeira mentres o Atlético Estrada cumpre a súa terceira tempada

15 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Lonxe queda na mente dos afeccionados aquel Val do Ulla feminino, en cuxas filas militaban xogadoras da zona, primordialmente da Estrada. Desapareceu esa sección pero cada vez hai máis mulleres non só afeccionados a ver este deporte senón tamén a practicalo. Para aglutinar esa paixón futboleira en terras estradenses xurdía o Atlético Estrada ED, que cumpre a súa terceira tempada na Segunda División Galega. Pero este verán nacía un segundo equipo baixo o paraugas da SD Bandeira, que tamén militará nesa categoría.

Os dous conxuntos femininos debutarán este domingo en liga, aínda que non comparten grupo en Segunda. O Atlético Estrada ED medirase a domicilio ao Xuventu Aguiño, a partir das 18.00 horas. No seu grupo tamén militan o Faísca, Carreira, Atlético Arousá B, Mosteiro, Umia B, Os Miudos, Unión, Puentearnelas, Bamio, Noalla, Cambados e EFM Concello de Boiro. Pola súa banda, a SD Bandeira xogará en casa, ás 12.00 horas, ante o Sporting Cambre. O resto do grupo intégrano Bergantiños, Narón, Brexo Lema, O Val, Carral, Touro, Santiso, Victoria C, Abella e Arzúa.

Jota confía na progresión dun persoal amplo

Co bo sabor de boca da primeira vitoria chegará o persoal feminino da SD Bandeira ao comezo de liga. Gañaban o seu último amigable por 1-0 ao Carballedo, tras encaixar derrotas con Atlético A Estrada, Ponche Arnelas e Touro. Todo un aliciente para unhas futbolistas que na súa inmensa maioría nunca practicaran este deporte, como onte resaltaba o seu adestrador. Jota conta con vinte e dúas xogadoras, ás que suman catorce na categoría cadete. Sin duda unha cifra moi alta para a estrea do primeiro club dezán feminino, con integrantes tanto da Bandeira como de Silleda ou Lalín.

Jota destacaba a progresión constante durante os dous meses que levan de pretemporada, xa que se alongou para avaliar o compromiso das interesadas. E o grupo practicamente mantívose xa que só houbo neste tempo dúas baixas, pero tamén tres incorporacións. «Estou moi contento co grupo, hai moita ilusión e case todas cumpren cos adestramentos», apuntou o técnico, que se estrea a cargo de un conxunto feminino, tras estar catro anos na Escola de Fútbol Silleda, tres na EF Lalín e dúas na SD Piloño. Os adestramentos celébranse os martes e xoves en Outeiriño en Silleda, en espera de que se cumpran os prazos e estea dispoñible o campo da Bandeira a mediados de outubro tras a súa mellora.

A inmensa maioría de xogadores teñen entre 18 e 19 anos, mesmo menos, con tan só dous de 30 e 35. Un persoal moi novo disposta a aprender, principal obxectivo para esta tempada do trinque en Segunda, como recalcaba Jota . Gozar sobre o campo e ir mellorando no xogo figuran como premisas, confiando en afianzar o proxecto paso a paso, xa que se conta cun importante continxente de futbolistas.

O persoal feminino da SD Bandeira está integrada por Cristina na portería, mentres en defensa desenvólvense Mónica, Laura, Vanesa, Andrea Abeledo, Alesandra, Alejandra e Salma; no medio do campo xogan Carmen, Verónica, Noelia Sampayo, Noelia Lorenzo, Denise, Zaira, Andrea Carballude, Nazaret, Barca e Eugenia; e na dianteira están Cristina Collazo, Andrea Vázquez, Andrea Suárez e Rocío.

As estradenses renovaron directiva, con Mónica Figueiras no banco

O Atlético Estrada ED afrontou importantes cambios para esta nova tempada, con nova directiva e adestradora. Raquel Escurís asumiu a presidencia dunha xunta onde lle acompañan José Antonio Andújar como tesoureiro e secretario, xunto ás vogais Montse Carballo e Rocío Ares. Lograron que o persoal estree novos equipamentos, confiando no respaldo da afección «despois de moito esforzo pero que vale a pena, coas xogadoras con máis experiencia e seguro que dando máis alegrías», apuntou a presidenta.

Mónica Figueiras colgou as botas por motivos de saúde tras dúas tempadas e decidiu asumir o reto de adestrar ante a marcha de David Castro. Conta con dezaseis xogadoras con ficha, unha pendente de tramitala pero con algunhas mozas máis que adestran co grupo para avaliar o seu estado de forma, se lles remata de convencer o ritmo de adestramentos e a práctica deste deporte. O Atlético A Estrada ED só conta con dúas caras novas, Iria e Andrea, aínda que Lorena, Estefanía e Natalia regresaron tras non estar o ano pasado.

A pretemporada discorreu «moi ben, xa desde o 23 de xullo aínda que houbo distintas fases porque moitas xogadores tiveron vacacións en agosto e o ritmo foi cambiando», explicou a adestradora. Tan só dous amigables, con idéntico resultado. Gañaron 1-4 á SD Bandeira pero perderon ante o Ponte Caldelas. Mónica Figueiras está ilusionada co reto na súa primeira experiencia no banco, resaltando o bo ambiente no grupo para mellorar resultados este terceiro ano, co proxecto máis consolidado. «Creo que chegamos con mellor físico, con salto de calidade e coa mesma ilusión e ganas de gozar de antes», dixo.

O persoal intégrano xogadoras de 14 a 37 anos. Son Cristina Fernández, Noe, Patri, Lorena, Tere, Cristina Neira, Vanesa, Alba, Sofía, Carla, Estefanía, Natalia, Yurena, Andrea, María e Iria.