O A Estrada Futsal comeza o luns a súa pretemporada

guillermo redondo / ou. p.

A Estrada

rober amado

Fútbol sala O equipo dirixido por Francisco Garabal sufriu moitas baixas con respecto ao curso anterior e ten que renovarse

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O A Estrada Futsal comezará a súa pretemporada o vindeiro luns día 20 ás 21.00 horas. Será un período complicado tras a desbandada xeral de xogadores. O encargado de montar o novo proxecto é Francisco Garabal, un vello coñecido do club, que tratará de facer competir ao equipo en Terceira División. Por diante teñen catro semanas para reformar a estrutura do persoal, antes de que se inicie a liga o 15 de setembro.

«O obxectivo é manterse. Intentaremos acadar esa meta canto antes para logo ir aos poucos mirando para arriba. Se a liga nolo permite claro» dicía o técnico en vistas de comezar unha tempada que sabe será difícil, polo menos no arranque. «Nestas catro semanas, teremos que traballar bastante para saber como vai ser o ano».

O técnico asegura que do bloque que o ano pasado finalizou en segunda posición, tan só quedarán catro ou cinco xogadores. Por iso, aínda que recoñece que non haberá problemas para formar e encher as fichas necesarias, é un equipo novo e deberán traballar moito. Ademais, engadía que «a directiva segue buscando algo por aí pero que «a idea é seguir con xente da zona». En canto ao calendario para esta pretemporada, Garabal xa o ten preparado. Xogarán contra o Leis de Pontevedra, dunha categoría superior, o próximo día 31 na Estrada. Contra o Gondomar xogarán en Copa o día 8 de setembro. En caso de vitoria, o seguinte duelo sería fronte ao vencedor do partido disputado entre o Lousas 3 Cuñados e o Carballiño. A este último rival, o equipo de Garabal deberá enfrontarse na primeira xornada da competición doméstica. Antes deste encontro, o martes 4 de setembro, enfrontaranse contra o Santiago Futsal de xuvenís. O club estradense leva catro tempadas finalizando en segunda posición da liga e aínda que será difícil, poderían romper esa tónica este ano.