Os nove concellos teñen unha renda menor á media provincial

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

A Estrada

MARCOS MÍGUEZ

O mellor situado, segundo o IGE é Silleda, seguido da Estrada e Lalín

14 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Instituto Galego de Estatística publicou onte as cifras da renda bruta dispoñible por habitante. Uns datos que poñen branco sobre negro o que todos intuïamos e xa sabiamos: que a nosa economía non está para botar foguetes. Segundo a estatística, de novo, e a pesar de que os parámetros da macroeconomía falan de recuperación, a renda dispoñible dos veciños da zona continúa sendo, en todos e cada un dos nove concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, inferior á media provincial.

A de Pontevedra sitúase, no 2015, que son os últimos datos feitos públicos, en 13.203 euros por habitante. A media galega sitúase en algo máis, 13.838 euros. Nós quedámonos moi por baixo. A media en Deza é de 10.549 euros por habitante e de 11.118 euros en Tabeirós-Terra de Montes. Por municipios o mellor situado é Silleda cunha renda bruta dispoñible por habitante de 11.817 euros. Séguelle A Estrada cunha renda por habitante de 11.636 euros, mentres que o terceiro posto o ocupa Lalín con 10.606 euros de renda bruta por habitante e o cuarto Vila de Cruces cunha renda de 10.510 euros por habitante.

O último da fila sería segundo estes datos do IGE, Cerdedo (que aínda era concello independente nese momento) cunha renda dispoñible de 7.429 euros por habitante, moi lonxe da media provincial e galega. Séguelle Dozón con 8.600 euros por habitante e, moi de preto outro concello no final da táboa e tamén con apelido dezán: Rodeiro, cunha renda bruta dispoñible por habitante de 8.656 euros, segundo os cálculos do IGE.

A do Concello de Agolada é de 9,450 euros por habitante e a de Forcarei de 10.300 euros.

A renda dispoñible bruta por municipios é de 27.915 euros no Concello de Agolada, de 15.267 en Cerdedo (Ese ano a de Cotobade era do triplo, con 45.676 euros de renda dispoñible, 10.500 euros por habitante).

A de Dozón sumaba 11.240 euros. A de Lalín situábase en 221.155 euros e en 242.829 euros a do Concello da Estrada. A renda dispoñible bruta de Rodeiro ascendía a 30.088 euros, a 105.285 euros a de Silleda e a 60.978 euros a do Concello de Vila de Cruces.

Agolada e Rodeiro están á cola de Pontevedra na estatística da Axencia Tributaria

Os datos recolleitos pola Axencia Tributaria tampouco nos deixan en bo lugar. Atendendo á renda media bruta e á renda media dispoñible por veciño en función dos datos das declaracións da renda presentadas, Rodeiro queda como o último municipio pola cola seguido do de Agolada que ocupa o penúltimo lugar. Lalín é o mellor situado, na metade da táboa provincial. Séguelle, seis sitúes por baixo, o Concello da Estrada e cinco máis abaixo Silleda. O quinto pola cola é Dozón, o sétimo, empezando por abaixo é Vila de Cruces, o oitavo Forcarei e o duodécimo empezando pola cola é Cerdedo. O Concello da Illa de Arousa está a terceira pola cola e A Lama, o cuarto.

Unha evolución nos últimos quince anos marcada tamén a época da crise

Se botamos a vista atrás, a renda dispoñible por habitante foi incrementándose na zona. As cifras do IGE marcan, desde o ano 2000 un crecemento paulatino ata chegar ao 2008. Na comarca de Deza, o primeiro ano do novo milenio cifra a renda bruta media dispoñible por habitante en 7.194 euros, moi similar á de Tabeirós-Terra de Montes que era de 7.191 euros por veciño. Oito anos despois era de 11.654 en Deza e de 11.561 euros en Tabeirós-Terra de Montes.

Foron as cifras máis altas acadadas na zona nos últimos quince anos. Nos seguintes, xa coa crise facendo estragos, a renda dispoñible no canto de incrementarse reduciuse. En Deza, a media foi de 11.010 no 2010, de 10.772 euros un ano despois, de 10.471 en 2011 e de 10.318 en 2012. En 2013 elevouse a 10.824 euros. Un incremento que se volveu ver reducido nos dous anos seguintes. En 2014 a renda bruta dispoñible por veciño en Deza foi de 10.735 e de 10.549 en 2015. Unhas cifras que tamén se viron afectadas os vaivéns no número de habitantes da zona nestes últimos anos.

Polo que respecta a Tabeirós-Terra de Montes, a evolución foi similar. A media de renda bruta dispoñible era de 7.628 no 2001 para pasar a 8.077 euros no 2002 e a 8.0077 no 2003. Un ano despois, no 2004, acadaba os 9.052 euros, os 9.637 euros no 2005 e 10.235 euros no 2006. Os seguintes dous anos a renda proseguiu o seu ascenso chegando a 11.120 euros no 2007 e a 11.561 no 2008.

A partir desa data volveu baixar. O IGE cifra a renda dispoñible por veciño no 2009 en 11.133 euros, 10.919 euros no 2010, 10.812 no 2011 e 10.504 no 2012. A evolución os seguintes tres anos indican un novo crecemento. A renda bruta dispoñible por veciño sitúase en 10.726 euros no 2013, 10.780 un ano despois acadando os 11.118 euros por habitante no 2015.